Volver

Carlos Álvarez-Ossorio dirixirá unha gala dos Premios de Teatro María Casares que se aproximará á traxectoria da actriz para conmemorar o seu centenario

Marián Bañobre, Nerea Brey, Marta Pérez, Rosa Puga Davila, Mónica de Nut e Sheyla Fariña conforman o elenco, mentres que o Proxecto X (Virxilio da Silva, Paco Charlín, Diogo Silva e a propia De Nut) se encargarán de poñer a música en directo durante a gala.

O director, actor e dramaturgo Carlos Álvarez-Ossorio dirixirá a gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares. Neste 2022, ano no que se conmemora o centenario de María Casares, a gala achegarase á figura de actriz e trazará sobre o escenario un percorrido pola súa traxectoria vital e artística. Con ese obxectivo, Álvarez-Ossorio contará cun elenco conformado integramente por mulleres que se encargarán de poñerlles voz ás palabras da propia Casares, xa que o espectáculo recollerá fragmentos das súas memorias.

Deste xeito, na cerimonia de entrega dos premios de teatro actuarán as actrices Marián Bañobre, Nerea Brey, Sheyla Fariña, Rosa Puga Davila, Marta Pérez e Mónica de Nut. A música ao vivo correrá a cargo de Proxecto X, un conxunto de recoñecidos músicos que son firmes valores da nova xeración de jazz. A formación está integrada pola guitarra de Virxilio da Silva, o baixo de Paco Charlín, a batería de Diogo Silva e a voz da propia De Nut. Por outra banda, Violeta Martínez Rivera encargarase do deseño de iluminación e mais do espazo escénico, Marián Bañobre será a vestiarista e Rubén Porto é o axudante de dirección.

A gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia co apoio de institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña ou Fundación AISGE, celebrarase o xoves 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro da cidade herculina. Un total de 14 espectáculos competirán en calidade de finalista nas diferentes categorías nas que se dividen os premios e o actor e director Fernando Dacosta lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.

Perfil do director

Carlos Álvarez-Ossorio (Sevilla, 1973) é actor, director, dramaturgo, iluminador e cineasta. Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Sevilla, estudou tamén na Escola de Dirección Escénica do Instituto Andaluz de Teatro e formou parte do Centro de Investigación Teatral Territorio Nuevos Tiempos (TNT) de Sevilla. Foi director artístico e técnico da Feria de Teatro de Calle LaTeatral de Sevilla, director técnico do Festival Sevilla Circada e do Festival Express, director convidado no encontro europeo Connaître, produire, jouer le jeune théâtre européen, organizado en Francia polo Centro Europeo para Novos Directores ou director invitado nos Encuentros de Creación Contemporánea en Magalia, organizado pola Red de Teatros Alternativos,

En 1996, fundou a Compañía Cámara Negra, da que é director e coa que montou textos de Shakespeare, Chejov, Müller Ibsen ou Viniec. Entre os galardóns que conseguiu, destacan o premio José Luis Alonso de la Asociación de Directores de España (ADE) en 2006 ou o Premio Max 2007 ao mellor autor en galego, ambos os dous pola obra A casa do Pai, o Premio Telón Chivas 2004 ao mellor autor veterano por Apuntes para un Hamlet ou o Premio a mellor actor na IX Mostra de Teatre de Barcelona por Hamletmaschine. Neste 2022 é finalista ao Premio Max ao mellor actor pola súa obra Si esto es un hombre, adaptación teatral da referencial obra autobiográfica de Primo Levi.

Espectáculos finalistas

Un total de 14 espectáculos son finalistas en algunha das catorce categorías nas que se dividen os galardóns. Cigarreiras, obra de Contraproducións e Teatro Romea, e Othello, de Voadora, contan con 8 finalistas cada unha. A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, aspira a facerse con 7 galardóns, mentres que Terceiro acto, obra do Centro Dramático Galego (CDG) opta a 6. Pola súa banda, Quixote, de Pedras de Cartón; Comando comadres, de Matrioshka Teatro, e O Charco de Ulises, do (CDG), rexistran dous finalistas. Cun finalista atópanse os seguintes espectáculos: Serba me serbavo te, do CDG; Hugo, dos Náufragos Teatro; Cubo, de Elefante Elegante; A parábola do angazo, de Talía Teatro; Morgana en Esemelle, de Sarabela Teatro; Soga e Cinsa, de Aporía Escénica, e A Cazola de Lola, de Tanxarina.

FOTO: Xoán Álvarez