Volver

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia lamenta o falecemento do noso compañeiro e asociado Pedro Brandariz e queremos transmitirlles aos seus familiares e amigos o noso pesar e apoio nestes momentos

Nado en 1978, Pedro iniciouse no mundo da interpretación a finais dos anos 90 no Grupo de teatro do Concello de Oleiros, dirixido daquela por Lino Braxe e Flor Maceiras e dende entón dedicouse plenamente sobre todo na súa vertente cómica, con montaxes tanto para a rapazada como para público adulto

Pedro levou unha intensa actividade como contacontos, actor de teatro coas súas compañías Os sete magníficos+1 e Dinamo Producións, na radio e no audiovisual, con participacións n’O Show dos Tonechos ou no Luar da TVG, en series como Casa Manola ou Luci e participando en webseries como as gañadoras do Premio Mestre Mateo Peter Brandon, unha vida pola comedia (2018) ou Dinosaurio, a serie (2019) entre outras. Neste ano Pedro acadou a condición de finalista nos premios do audiovisual galego na categoría de Mellor Actor Protagonista polo seu traballo no filme Jacinto.

A AAAG lembra así ao noso compañeiro e o seu traballo, mandándolle todo o agarimo aos seus seres queridos por parte da familia que é esta profesión. Que a terra lle sexa leve.