Volver

Os Premios María Casares celebran o seu 25º aniversario cunha gala contra as distopías que reivindicará a resistencia das artes escénicas

>> Paula Carballeira e Chiqui Pereira dirixen a gala, que contará cunha ‘troupe’ interxeracional conformada polos intérpretes Alfredo Rodríguez, Casilda Alfaro, Nuria Sanz, Suso Cortegoso, Alba Bermúdez e Nelu Vermouth.

>> A entrega dos galardóns celebrarase no Teatro Rosalía Castro da Coruña este xoves e serán emitidos en directos a través da Canle de Youtube dos Premios a partir das 20.00 h. Trece obras compiten en calidade de finalistas polos María Casares

Unha gala interxeracional contra as distopías para revindicar a resistencia das artes escénicas e que servirá para festexar os encontros, a convivencia e todo aquilo que nos fai humanos. Así será a gala dos Premios de Teatro María Casares que, neste 2021, se converterá nunha dupla celebración. Por unha banda, os galardóns organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) chegan a súa 25ª edición. Pola outra, significarán un reencontro festivo para o sector teatral tras a suspensión de 2020 e as grandes dificultades que atravesa a escena dende o inicio da pandemia. Con estes liñas mestras, traballan dende hai meses Chiqui Pereira e Paula Carballeira, codirectores da gala. “Nos María Casares reivindicaremos o sentido do humor, do xogo e da celebración dos encontros grazas a unha troupe interxeracional que personifica a resistencia das artes escénicas e tamén a traxectoria do teatro galego”, sinalou Paula Carballeira hoxe no Concello da Coruña ante os medios na compaña do concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín; o director da Axencia das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e o presidente da AAAG, Xosé Barato.

Carballeira tamén destacou a importancia esencial tanto para as artes vivas coma para a sociedade no seu conxunto da “presencialidade” e da “intelixencia emocional” fronte o “claustrofóbico” que resultan “a virtualidade, a intelixencia artificial ou as pantallas”. Esas son outras das claves presentes nesta gala que transitará entre o humor e a distopía da man dun elenco conformado por actores e actrices de diferentes idades. Casilda Alfaro, Alfredo Rodríguez, Nuria Sanz, Suso Cortegoso, Alba Bermúdez e Nelu Vermouth serán os intérpretes que protagonizarán unha cerimonia de entrega, cuxa escenografía correrá a cargo de Suso Montero e a música estará composta por Nacho Sanz. Ademais, os dramaturgos Carlos Santiago e Clara Gayo realizarán senllas colaboracións especiais mentres que Evaristo Calvo lerá o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. Ademais, durante a gala, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas recibirá o Premio de Honra Marisa Soto.

Retransmisión por Youtube.

Pola súa banda, o presidente da AAAG, Xosé Barato, quixo subliñar a importancia de recuperar a gala dos María Casares, que por vez primeira se celebrará “lonxe no calendario” con respecto o Día Mundial do Teatro, o 27 de marzo, por mor da pandemia. Dunha pandemia que significou “un gran golpe para todo o sector das artes escénicas”, sinalou Barato antes de engadir que a gala se poderá seguir en directo a través da Canle de Youtube dos Premios de Teatro María Casares. A retransmisión principiará ás 20.00 h.

Trece espectáculos finalistas

En total de 13 espectáculos, competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos catorce galardóns que se entregarán durante a gala dos XXV Premios de Teatro María Casares. A obra A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, conta cun total de oito finalistas, polo que opta a outros tantos premios. Pola súa banda, Dreaming Juliet,de Elefante Elegante; a obra 32m2, de ButacaZero, e Bailar Agora, de Marta Alonso Tejada, compiten tamén por cinco galardóns. Micropectivas dun marica millennial, de Incendiaria, está como finalista en catro categorías, ao igual que Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández, e O Premio, de La Quintana Teatro. O mozo da última fila, de Redrum Teatro, aspira a tres galardóns. Por último, cinco obras optan a un premio: Poeta en Nova York, de Teatro Baixo da Area; A conquista da escola de Madhubai, de Teatro do Atlántico; O libro da selva, de Teatro Avento Producións; Lázaro de Tormes, de Pedras de Cartón, e Ris Ras, de Baobab Teatro.

Os Premios María Casares están organizados dende 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) co patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Agadic, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación ASIGE, a Fundación SGAE e Gadisa.

CRÉDITOS DA GALA

Idea e Texto Orixinal: Paula Carballeira

Dramaturxia e Dirección: Paula Carballeira e Chiqui Pereira

Espazo Sonoro: Nacho Sanz

Deseño de Escenografía: Suso Montero

Deseño de Luces e Videomapping: Dani Pais

Deseño gráfico, vídeos e grafismos: Manuel Silva

Elenco: Casilda Alfaro, Alba Bermúdez, Suso Cortegoso, Nuria Sanz, Nelu Vermouth

Sistema Operativo SOFT25: Alfredo Rodríguez

Colaboracións especiais: Evaristo Calvo, Clara Gayo e Carlos Santiago

Música en directo: Nacho Sanz

Voz en off vídeos finalistas: Clara Gayo, Nuria Sanz

Vestiario: Chimpos

Realización da escenografía: Banale

Maquillaxe: Erea Pérez

Rexeduría: Diana Sieira

Técnico de luces e vídeo: Dani Pais

Técnico de son: José Manuel Moldes

Medios técnicos: Producciones Emsac, Teatro Rosalia Castro

Realización audiovisual e streaming: Aleuto medios dixitais

Deseño e realización trofeos: Paula Pereira (Cavalinho do demo)

Deseño cartaz: Andrea López

Produción: Alberto Blanco, Miguel Calvo, Antonio Manivesa, Chiqui Pereira

Coordinación xeral: Marta Horjales

Prensa: Alberto Ramos

Fotografía: Corsino, La Diapo

Asesoría: Xestión Social

Notario: Víctor Peón

Imprentas: Creade, Lugami

Xestión convidados: AAAG, Teatro Rosalía Castro

Xunta Directiva da AAAG:

Presidencia: Xosé Barato

Vicepresidencia: Luma Gómez

Secretaría: Arantza Villar

Vogais: Daniel Celester, Xosé Manuel Esperante, Sara Fandiño, Sheyla Fariña, Eva Fórneas Braña, María Ángeles Iglesias, Iria Lamas, Rosa Puga Davila, Toni Salgado

Agradecementos: Equipo Teatro Rosalía Castro, CDG, Fundación SGAE, Concello de Teo, Eloy Táboas, Flor Maceiras