Volver

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia convoca os XXV Premios de Teatro María Casares

>> O prazo de inscrición de espectáculos abre hoxe, luns 19 de abril, e pechará o vindeiro 10 de maio ás 15.00 h.

>> A finais do mes de xuño coñecerase a relación de finalistas das catorce categorías nas que se dividen os Premios. A entrega de galardóns celebrase o 9 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, aplicando as normas sanitarias que estean en vigor

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección de escena, convoca os XXV Premios de Teatro María Casares. O prazo de inscrición está aberto xa dende hoxe e pecharase o próximo luns, 10 de maio. Nestas semanas, as compañías de teatro poderán inscribir os seus espectáculos, como tamén os/as profesionais que participan nos mesmos, nos galardóns de teatro, que neste 2021 chegan á súa 25ª edición. Poderán participar todos os espectáculos de teatro de actor/actriz en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.

Ademais, nesta atípica edición e para achegar maior flexibilidade ás bases, as obras estreadas no primeiro trimestre de 2021 e no último trimestre de 2019 que non concorreran xa aos premios na edición anterior, poderán participar na convocatoria deste 2021. Tras o prazo de inscrición, abrirase a primeira rolda de votacións para que o censo (conformado por preto de 450 persoas da profesión, entre asociados/as da AAAG, finalistas e gañadores/as de anos anteriores, programadores/as da Rede Galega de Teatros e Auditorios, críticos ou xornalistas culturais) escollan a relación de finalistas en cada un dos 14 apartados no que se dividen os Premios. Ao longo do verán, terá lugar a segunda quenda de votacións, da cal sairán os/as gañadores/as, que se darán a coñecer o 9 de setembro nunha entrega que se celebrará no Rosalía Castro da Coruña adaptándose ás medidas sanitarias que poidan estar vixentes nesa altura.

Os Premios de Teatro María Casares, organizados pola AAAG coa inestimable colaboración de entidades e institucións como a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón ou Gadisa, entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para todos os profesionais do sector. En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Na entrega, lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do teatro -que neste 2021 corre a cargo de Evaristo Calvo- e recollerase o Premio de Honra Marisa Soto.

FOTO: Alberte Peiteavel