A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección de escena, esíxelle á Xunta de Galicia que, ante a parálise que supón a restrición á actividade non esencial, poña en marcha de inmediato un plan de rescate para o sector cultural e axudas directas para os seus e as súas traballadores/as. A evolución da pandemia e as medidas restritivas sanitarias lévannos a un punto no que se fai inviable a actividade escénica neste momento e imposibilita as opcións dos/as profesionais dos espectáculos ao vivo de gañar o seu sustento. Cómpre lembrar que esta nova parálise chega tras xa case un ano de suspensións, adiamentos e incertezas. Falamos, ademais, dun grupo de traballadores/as cunha serie de particularidades que os converte nun segmento de gran vulnerabilidade laboral por mor da estacionalidade, da intermitencia e da singularidade na contratación por días de funcións e gravacións. Estes factores dificultan o acceso ás prestacións habituais, que penalizan a precariedade.
Até este momento, a Xunta de Galicia centrou a súa intervención dende que comezou a pandemia nun Plan de Reactivación dirixido unicamente as empresas e que obviou por completo a posibilidade de lle dar cobertura e protección a traballadores/as do sector. Ademais, o amentado plan centrou gran parte dos seus esforzos no caso das artes escénicas na exhibición e distribución, ignorando a posibilidade dos adiamentos e suspensións polos gromos que se foron sucedendo dende o mes de agosto até a nova parálise da actividade de hoxe.
Ante esta situación, a AAAG reclama que a Consellería de Cultura, Educación e Universidades e a Consellería de Emprego e Igualdade traballen conxuntamente nun plan específico para os/as profesionais do sector, seguindo modelos coma o levado a cabo en Cataluña no mes de novembro no que se recollían prestacións directas a traballadores/as, seguros de suspensión de funcións e partidas económicas destinadas ao mantemento de estruturas empresarias. Esta Asociación ponse a disposición de ambas as dúas Consellerías para traballar conxuntamente e consensuar medidas para o rescate do sector e das persoas que o conforman, extremadamente golpeadas pola crise.