Volver

Os Premios de Teatro María Casares adían a convocatoria da súa 25ª edición

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) adía a convocatoria dos Premios de Teatro María Casares, que neste 2021 acadarán a súa 25ª edición. A asociación sindical, entidade organizadora dos galardóns de teatro dende a súa creación en 1997, toma esta decisión tras informar a súa asemblea e ante a incerta perspectiva de poder desenvolver con garantías o normal funcionamento do certame e a súa entrega, así como dos necesarios preparativos para a mesma. A evolución epidemiolóxica, as restricións sanitarias ao respecto de mobilidade e aforos, as suspensións e adiamentos que alteraron a programación teatral de 2020 e que, presumiblemente, seguirán a afectar neste 2021 dificultan, por unha banda, que o censo de votantes dos galardóns poida acceder aos espectáculos estreados en 2020 para emitir o seu voto, e pola outra, imposibilitan a preparación dunha gala que neste ano tampouco se celebrará nas datas próximas ao 27 de marzo, Día Mundial do Teatro. Unha gala que, ademais de ser o gran escaparate anual do noso teatro, é unha auténtica festa e reunión anual para un sector e para uns/has profesionais que están a atravesar enormes dificultades.

Por estes motivos e tal como aconteceu en 2020, a AAAG decide adiar os María Casares cuxa convocatoria e novos prazos serán anunciados dependendo dos acontecementos neste 2021. A organización resérvase a posibilidade de reformular tanto a comunicación pública coma a entrega dos galardóns. A Asociación sindical quere aproveitar a ocasión para agradecer un ano máis aos patrocinadores habituais que, ano tras ano, colaboran coa organización dos premios: a Consellería de Cultura, Educación e Universidades a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura de Narón, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE ou Gadisa.

Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para todos os profesionais do sector. En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Durante a gala, entréganse o Premio de Honra Marisa Soto e lese o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.