Volver

A AAAG amosa o seu pleno apoio ás reivindicacións e mobilizacións das alumnas da ESAD de Galicia contra o acoso sexual e os abusos de poder

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, amosa o seu pleno apoio ás reivindicacións e mobilizacións das alumnas da ESADg (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia), secundadas polo resto do alumnado e as profesoras do centro, e solidarízase coas súas manifestacións denunciando condutas de abusos de poder e acoso sexual, tal e como recolleron nos últimos días diferentes medios de comunicación. A AAAG apoia as súas iniciativas en contra dunhas actitudes que xa non só serían impropias, senón absolutamente intolerables e reprobables que deben ser investigadas como primeiro paso para a súa completa erradicación.

A Asociación considera, ademais e tal como reivindicaron a través dun manifesto as profesoras da ESADg, que o centro é “un lugar de convivencia destinado á formación de artistas e á educación nun sentido amplo”. A ESADg, como espazo de encontro e de futuro das nosas artes escénicas, debe ficar libre de toda violencia machista en calquera das súas múltiples caras, garantindo a liberdade, a integridade e a dignidade de todas as persoas que conforman a comunidade educativa. Este tipo de condutas e actitudes non deben ter máis collida na nosa sociedade en xeral nin en centros de educación nos que, día a día, clase a clase, curso a curso se constrúen os alicerces do futuro da nosa sociedade. A AAAG, ademais, aplaude a iniciativa das alumnas de poñer o foco nesta situación co obxectivo de rematar cos silencios que atravesaron ao longo dos anos todos os ámbitos da sociedade. Uns silencios que, dun tempo a esta parte, se están a quebrar abrindo ás portas as necesarias mudanzas nos marcos de convivencia.

Por todo o exposto, a AAAG tamén solicita ás autoridades educativas que tomen as medidas pertinentes, investiguen coa máxima celeridade a situación e garantan que o conxunto da comunidade educativa da ESADg poida desenvolver a vida profesional, formativa e persoal coa liberdade e a igualdade inquebrantables que precisa e merece o conxunto da cidadanía.