Volver

A AAAG lamenta o falecemento de Pilar Pereira, gran referente do noso oficio da interpretación

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, lamenta o falecemento de Pilar Pereira, gran referente do mundo teatral e do audiovisual. A Xunta Directiva da AAAG transmite o seu pesar pola marcha dunha das nosas actrices máis veteranas, unha compañeira de oficio que trazou unha traxectoria vital e profesional digna de toda a admiración. Pereira contaba, ademais de cunha gran e admirada carreira, co agarimo sincero e profundo do conxunto da profesión teatral, tal e como se demostrou coa concesión no ano 2013 do Premio de Honra Marisa Soto, que recibiu na gala dos Premios de Teatro María Casares con todo o público, conformado por profesionais da escena, entregado e en pé. Tanto nós, compañeiros e compañeiras do teatro, coma o público botaremos de menos a unha figura imprescindible da nosa escena.

Pilar Pereira, nada en Compostela en 1937, posúe unha das carreiras máis amplas da escena galega. Durante máis de seis décadas, a actriz desenvolveu o seu traballo en Galicia, España, Francia, Bélxica e América Latina. Cun comezo teatral precoz, Pereira comezou a súa traxectoria profesional tamén como recitadora. A poesía é unha das súas paixóns e admira dende moi nova a Rosalía. Precisamente, sobre a autora de Follas novas realizou diversos traballos, incluíndo a gravación de dous discos en galego de poesías de Rosalía, realizados en 1960 no prestixioso estudo Odeón La Voz de su Amo de Barcelona.

Pilar Pereira entrou a traballar en 1953 en EAJ4-Radio Galicia Cadena Ser de Santiago. Ao tempo, foi cultivando o exercicio escénico. En 1958 formou parte do elenco de Antígona, a versión en galego traducida por Xosé Manuel Beiras e Franco Grande do texto de Jean Anouilh. A montaxe foi a primeira obra en galego do TEU de Santiago (Teatro Español Universitario) e tivo unha gran acollida.

Nos sesenta, a actriz trasládase a Madrid. Alá volve aos escenarios con Teatro Eslava, onde comeza a traballar co director Luís Escobar. Tamén colaborou coa compañía de María Fernández D'Ocón e Mario Antolín. Nestes anos, coincidiu con directores como Fernán-Gómez ou Edward Füller, esixente profesional que contou con Pereira na súa obra La sonata de los espectros. A súa etapa en Madrid pechouse coa súa entrada no grupo independente Los Goliardos, co que levou a escena Ceremonia por un negro asesinado, de Fernando Arrabal. O grupo viaxou coa obra a Francia e Pereira decidiu quedar en París.

Na capital francesa entra a formar parte do proxecto La Carraca, cuxo obxectivo era cubrir as necesidades culturais dos emigrantes hispanofalantes. Na súa estadía en París volve coincidir con Füller, quen conta con ela para a súa adaptación de La vida es sueño, xunto a actores como Paco Rabal. Tras o Maio do 68, trasládase a Bélxica. Alí remata os seus estudos de Psicoloxía e coñece a Jorge Bossa. Xunto con el mudarase a Colombia. En Bogotá abrirá unha gardería e traballará como directora e actriz da compañía La Teja. Xa en 1980 regresa a Madrid. Alí realiza traballos de dobraxe e participa en proxectos televisivos. Promove, ademais, a posta en escena de El placer que nos des-tierra, a partir de texto de César Vallejo e coa dirección de José Luis Serrano. Neste proxecto coincidiu, entre outros, con Juan Diego e co músico Paco Ibáñez.

Pouco despois recibe a chamada dende Galicia de Maximino Fernández Queizán, quen prepara Así é se vos parece, de Pirandello, para o Centro Dramático. En 1991 estréase a peza e Pereira regresa definitivamente a Galicia. Durante os anos noventa participa en diversas producións do CDG como O incerto Señor don Hamlet. Ademais, traballa ás ordes de Vidal Bolaño en pezas como Saxo Tenor, Doentes ou Días sen gloria.

Pereira tamén creou unha compañía que levaba o seu nome. Con ela, realizou diversos espectáculos escritos por ela mesma como son ¡Contrátenos, por favor! ou Un lunar vermello con pinguiñas azuis, que foi dirixido por Quico Cadaval. En 1995, escribiu e protagonizou un aplaudido monólogo titulado Ofelia, sen a virtude do pudor, que representou ao longo de nove anos. Outras compañías coas que traballou foron Sarabela Teatro, n'A esmorga en 1995; Compañía Marías en 1995 con A voda dos moiantes; Factoría Teatro, coa que levou a escena Tío Vania; Teatro do Atlántico, en Unha primavera para Aldara en 2008; ou Teatro do Morcego, en Kvecht.

No cine, mantivo unha frutífera relación profesional co cineasta Xavier Bermúdez, co que realizou películas como Rafael, Nena ou León y Olvido. Na televisión, tivo papeis regulares en series populares como Mareas Vivas ou Rías Baixas. A nivel estatal, participou con personaxes episódicos en Manos a la obra e Hospital Central.

FOTO: Pilar Pereira ao recibir o Premio Marisa Soto en 2013. CORSINO/AAAG