Volver

Crónica da primeira Escaramuza Artística: 'Ten cona o audiovisual galego?'

A AAAG iniciou o seu ciclo de encontros de debate cunha primeira sesión que contou coa participación de José María Besteiro, Olga Osorio, Noemi Chantada e Camila Bossa con Marta Veiga exercendo de moderado. A cita versou sobre o papel, o recoñecemento e o traballo das mulleres no sector.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) iniciou onte as súas Escaramuzas Artísticas, un ciclo de encontros de debate de periodicidade mensual en que diversas voces do sector audiovisual e escénico intercambian os seus puntos de vista ao respecto de diferentes temas que atinxen á profesión destas disciplinas. As Escaramuzas buscan ir máis aló dos tradicionais coloquios, rompendo as distancias das mesas redondas e achegando un ambiente distendido e participativo. Así o lembrou Nieves Rodríguez, presidenta da AAAG, quen se encargou de dar á benvida ao público e agradecerlles ao produtor José María Besteiro, á actriz Camila Bossa e ás realizadoras Olga Osorio e Noemi Chantada a súa implicación ao participar na sesión inaugural do ciclo que, baixo o título Ten cona o audiovisual galego?, centrouse en analizar o papel e o recoñecemento das profesionais no sector audiovisual.

Deste xeito, a xornalista Marta Veiga actuou de moderado e iniciou a Escaramuza referíndose aos “nomes esquecidos” e as mulleres “invisibilizadas”, comezando por Alicia Guy, realizadora gala dos Estudos Gaumont que en 1896 asinou a primeira fita de ficción La Fée aux Choux (A fada dos Repolos). Marta Veiga, ademais, sinalou que ao longo da historia dos Óscar, unicamente unha muller gañou o premio á mellor dirección -Kathryn Bigelow por En terra hostil- e lembrou o Test de Bechdel, método para avaliar se un guión de película, serie, cómic ou outra representación artística cumpre cos estándares mínimos para evitar a brecha de xénero. Despois, Marta Veiga lanzou a primeira pregunta aos conferenciantes, exactamente á que lle daba título a esta primeira Escaramuza Artística,

Camila Bossa sinalou que o audiovisual galego “claro que ten cona”, non obstante cumpría preguntarse que “cabida ten” e “como está representada”. Pola súa banda, Noemi Chantada sinalou que o papel das mulleres “está infrarrepresentada” e “que realmente cobran menos”. Olga Osorio, rapidamente engadiu que “Galicia é un sitio distinto” porque no sector “hai conas moi poderosas”, sinalando así nomes como Chelo Loureiro, Teresa Fernández Valdés ou Emma Lustres, mais tamén preguntou se ese poder se traduce “nunha determinada representación diferente” ou non dos roles femininos. Finalmente, Besteiro destacou que talvez el vivía nunha burbulla, xa que na súa produtora o “90% dos postos directivos están ocupados por mulleres” e destacou o poder das produtoras galegas.

Posteriormente, a Escaramuza centrouse en analizar a presenza feminina nos diferentes estamentos que conforman a profesión audiovisual. Neste senso, Noemi Chantada optou por centrarse nos apartados técnicos. “Non hai eléctricas, non hai case operadoras de cámara”, sinalou Chantada antes de lembrar que hai barreiras para que as mulleres accedan a estes postos de traballo e destacou o exemplo de apertura que significan profesionais como Lucía Pan. Nesta liña, Olga Osorio referiuse a súa experiencia, tanto como realizadora coma profesora dunha escola técnica. “Hai un problema de contorna no traballo, un 80% dos traballos están exercidos por homes, hai un ambiente masculino”, explicou antes de sinalar a situación como docente. “Cando cheguei a exercer fai 18 anos, eran todos tíos; agora, pola contra, estamos nunha situación equilibrada de 50-50. Despois, observo tamén tendencias entre os alumnos e alumnas”, adiantou antes de explicar que cando se pregunta quen quere dirixir, son os homes quen se lanza. “As mulleres, pola contra, teñen dúbidas, teñen medo a arriscar, a non saber. A prudencia está ben, pero por cada vez que unha muller o pensa, dez tíos se lanzan a dirixir”, sintetizou.

Camila Bossa continuou por esa mesma liña, subliñando dende o seu punto de vista que ás mulleres, debido os ambientes laborais, xéraselles máis medos, están “supervixiadas” e resultan moito máis esixentes polo simple feito de que se lles fai entender que, ao exercer diferentes funcións laborais, están a entrar “nun mundo que non é noso”.

ACTRICES

Bossa, ademais, puxo o foco no papel das actrices e o seu peso nas producións. Reflexionou sobre series e películas concretas como El Desconocido ou Breaking Bad, cavilando sobre o que acontecería se os protagonistas, en vez de ser masculinos, pasasen a ser encarnados por mulleres. Bossa insistiu en que a historia non se vería afectada, aínda que podería xurdir o equívoco termo de “serie de mulleres”.

Ao respecto do traballo de actriz, Bossa tamén quixo facer referencia aos conceptos de idade, historias ou roles subordinados aos personaxes masculinos antes de lanzar unha reivindicación: “Queremos papeis de mulleres sen cortapisas, coa liberdade dos actores e personaxes masculinos”, sentenciou Bossa antes de engadir que sente que forma parte dunha “xeración perdida”, xa que “pesa demasiado a idade para contar historias, con certa idade pareces eivada, que non tes forzas, baléirante de calidades”.

Outro aspecto importante da conversa centrouse na responsabilidade da ficción audiovisual á hora de perpetrar tópicos e estereotipos. Neste punto, Osorio recoñeceu que cando escribiu a súa primeira curta reStart, que trata sobre unha persoa encerrada nun bucle temporal, atopouse cunha contradición inconsciente. “Eu que son tan feminista, tan comprometida... E cando me puxen a escribir, saíume un protagonista masculino cando non era nin moito menos necesario que fose home”, recoñeceu Osorio antes engadir que mudou o xénero do personaxe protagónico e de explicar o motivo desa conduta. “A razón é que o cine modela a nosa forma de pensar e levo toda a vida escoitando e vendo historias de tíos.0 O noso imaxinario está alimentado así: coas historias dos homes”, rematou.

A partir dese momento, a Escaramuza foise abrindo pouco a pouco as intervencións do público, xerando un animado debate na Lasso-Cafetería do Auditorio de Galicia, que ofreceu uns petiscos a todos os asistentes. Deste xeito, iniciouse o ciclo de Escaramuzas que prometen repetirse de forma mensual a partir de agora.