Volver

Sanzol: “ A formación é esencial para oficio, dálle á profesión flexibilidade e humanidade”

O director e autor teatral impartiu un curso de formación, organizado pola AAAG e a MIT RIbadavia coa colaboración da Fundación AISGE, na que participaron unha trintena de actores e actrices. Falamos con Sanzol sobre a obradoiro, a formación no oficio, sobre La Ternura e Teatro de la Ciudad

A AAAG e a Mostra de Ribadavia coorganizaron, coa colaboración da Fundación AISGE, un curso de formación co prestixioso director e autor teatral Alfredo Sanzol. Durante os últimos tres días, unha trintena de actores e actrices participou no seu obradoiro Actuar, escribir e dirixir en escena. Sanzol, ademais, representou no Auditorio do Castelo Rubén García dentro da programación da MIT La ternura, producida por Teatro de La Ciudad, na que ofrece un espectáculo que, partindo da relectura de catorce comedias de Shakespeare, xorde un texto co que aborda as claves principais do teatro isabelino. Nesta entrevista, falamos con Sanzol sobre o curso, a importancia da formación permanente no oficio, La ternura ou o proxecto Teatro de la Ciudad.

En que consiste Actuar, escribir e dirixir en escena?

O traballo que fago neste tipo de obradoiros ten que ver coa maneira na que escribo agora. Nestes obradoiros, intento crear personaxes, atmosferas e situacións a partir da improvisación dos actores e actrices que participan. Consiste en permitir que o asunto funcione de xeito orgánico e que tome personalidade propia o traballo realizado durante o desenvolvemento do obradoiro. O obxectivo non é outro que crear unha historia nestes tres días. En certo xeito, partimos de cero. Pedímoslles aos actores e actrices que participan que viñesen só cun material preparado de dous minutos. Ese material eran poemas, cancións ou escenas que en certos momentos usamos como referencia. Así non partimos totalmente coa folla en branco.

Que sensacións tivo ao contactar con profesionais de Galicia durante este curso?

Hai algúns que xa coñecía previamente, como os de ilMaquinario, que xa coñecera en Madrid coa súa obra Perplexo, que me gustara moito. Con todos os que participaron... Pois foron días moi interesantes e o traballo de todos foi fantástico, moi pracenteiro e estimulante.

Como docente, que lle achega este tipo de cursos?

Para min cada curso acaba por se converter nunha actividade de creación. Os cursos que fago nunca son iguais, todos teñen a súa propia personalidade e niso ten moito que ver o estado no que me atope eu, pero sobre todo co estado no que estean os actores e actrices. Eu traio unicamente unhas directrices para traballar, pero o máis interesante é o que vai xurdindo no propio desenvolvemento. En cada obradoiro propoño actividades e exercicios que son diferentes, que en cada ocasión son novos. O que máis me gusta destes traballos é atoparme con personaxes novos, é moi satisfactorio e interesante ver como os actores e as actrices van construíndo personaxes novos que teñen os seus mundos, os seus medos, os seus desexos. Iso queda na memoria de cada un dos talleres.

Unha das liñas de traballo da AAAG pasa por lles ofrecer aos seus socios e socias a organización periódica deste tipo de obradoiros e cursos de formación para o perfeccionamento continuo da técnica e do oficio. Como autor e director, que importancia considera que ten no oficio a formación permanente?

Resulta esencial. Para o noso traballo é esencial desenvolver actividades deste tipo que nos adestren, que nos manteñan en contacto entre nós. Neste tipo de iniciativas, prodúcese unha necesaria comunicación, tanto artística coma profesional. É moi importante, xa que permite intercambiar experiencias e coñecernos nun ambiente máis relaxado. A formación dálle á actividade profesional flexibilidade, adestramento. E tamén humanidade.

Como está a vivir a Mostra de Ribadavia?

Noutras edicións, Ribadavia programou espectáculos meus como Delicadas e Aventura!, espectáculos que fixen con T de Teatro. Agora ben, eu tiña moitas ganas de vir e desenvolver un taller como o que estivemos a facer estes días. Xa houbo intentos para vir en anos anteriores, mais non se puido concretar a oportunidade. Até agora. Por fin estou en Ribadavia desenvolvendo un curso.

En Ribadavia, representou La ternura, montaxe que xurdiu a partir das lecturas de catorce comedias de Shakespeare. Vendo o argumento, cun naufraxio e unha illa, parece que de entrada hai moito d'A tempestade, non? Que máis títulos de Shakespeare teñen peso en La Ternura?

Si, A tempestade está moi presente. Pero a dicir verdade, antes de pensar en Shakespeare, xa facía tempo que se me ocorrera os argumentos dun lado da Raíña Esmeralda e as súas fillas e, polo outro, do leñador e os seus fillos, que vivían nunha illa para non ter máis contacto coas mulleres. Cando ideara as súas historias, aínda non pensara en Shakespeare. Entón, apareceu a idea de Andrés Lima de traballar cos textos de Shakespeare e decateime de que ese argumento que tiña eu aínda na recámara era perfecto. Considerei que tiña moitos elementos que encaixaban e decidín mesturar os dous proxectos. Daquela comecei a ler as comedias de Shakespeare. E loxicamente, aínda que traballes con 14 textos, un sempre ten as súas favoritas. Por iso está moi presente A tempestade, pero tamén Noite de Reis. Ou Moito ruído e poucas noces, ou O mercador de Venecia...

O mercador de Venecia moita comedia non ten...

Está considerada, segundo o canon, unha comedia porque non hai mortes. Tamén lle pasa o mesmo a Conto de Inverno, que tampouco é que teña moita comedia. Son textos que entran dentro das comedias problemáticas de Shakespeare. O canon das comedias foi variando co paso do tempo, pero iso, claro, ten moita discusión filolóxica. O caso, que en La Ternura tamén hai outros textos, por exemplo Como gustéis ou A comedia dos erros. Hai unhas cantas obras presentes, pero hai cinco ou seis que teño moi presentes. O que fixen para La ternura foi ler e reler os textos para despois escribir o meu propio texto. Fixen un exercicio de tentar esquecer todo o lido e esforzarme para atopar un estilo e unha linguaxe. Niso tiveron moita importancia os obradoiros e as improvisacións que fixen cos meus actores e actrices.

Na obra temos por unha banda a Raíña Esmeralda e as súas fillas que chegan a unha illa tras o naufraxio da Armada Invencible. Chegan coa intención de nunca máis atoparse cos homes, pero precisamente nesa illa vivía un leñador cos seus fillos, que tampouco querían volver atoparse xamais coas mulleres. Aí chegan os enredos e tamén o enfrontamento de xéneros, que tamén é unha clave habitual da tradición das comedias.

Si, está dentro desa tradición e está moi presente en, por exemplo, Moito ruído e poucas noces. Falamos das comedias de loita de xénero. Dende o comezo quería rirme desa diferenciación, desa idea que pretende absurdamente dividir o mundo entre homes e mulleres. Eu nunca tiven esa sensación nin esa experiencia de que o mundo se divide en xéneros. Podo ter a experiencia dun mundo dividido polo pensamento, pola distancia da xente que ten unha visión totalmente contraria á miña sobre a xustiza, a liberdade e a igualdade. Dividir o mundo entre homes e mulleres é un absurdo para parodiar. Quixen reflectilo nesta comedia para rir de todos eses tópicos que di a xente de: “todas as mulleres ou homes son...” Como que todas son? Como que todos son? Que falta de vergonza! E como parodiar ese absurdo? Pois facelo a través duns personaxes que cren nesas barreiras. Falo da Raíña Esmeralda ou do Leñador Marrón, que por moito que intenten frear as simpatías e os amores que nacen entre os fillos, fracasan. Ese é outro clásico das comedias: os intentos desesperados dos pais por intentar frear as historias de amor dos fillos. Nese sentido, hai elementos clásicos cunha mirada máis contemporánea.

A idea da protección dos fillos é outro clásico e nalgunha entrevista vostede empregou unha sentenza moi clara para resumilo. Viña sendo algo así como que “non se pode amar sen sufrir”.

Si. É unha idea moi presente nesta historia. O intento de protexer os fillos da dor é sempre imposible. É que vivir doe, non? Dá alegrías? Claro, moitas; pero doe tamén. E na obra, a Raíña Esmeralda e o Leñador Marrón intentan esa protección até límites case ridículos, moi tolos... Por iso entramos no terreo da comedia.

Teatro de La Ciudad, este proxecto conxunto entre Alfredo Sanzol e Andrés Lima, aborda agora a comedia isabelina, mais comezou abordando as traxedias clásicas. A que se debe ese cambio?

Era a evolución lóxica. No caso do drama, a outra cara da moeda é a comedia. É verdade que nun principio pensamos en achegarnos á comedia grecolatina, facendo Plauto ou Terencio. Pero falando con Andrés Lima, decidímonos tirar por Shakespeare porque nel está toda a tradición grecorromana e a tradición popular. Shakespeare é, xunto Lope de Vego e máis tarde Molière, o inventor da comedia moderna. A comedia que hoxe vemos no cine, no teatro ou na televisión foi inventada na súa época. Naquela altura atoparon claves das que seguimos vivindo a día de hoxe.

Como naceu Teatro de la Ciudad?

Pois comezamos a falar do asunto en outubro de 2012. Uns meses antes, Andrés Lima organizou un obradoiro no Matadero, cando estaba facendo Capitalismo. Entón, invitounos a Miguel del Arco e a min a participar nas sesións do traballo. Entón, os tres vimos que tiñamos a necesidade de romper a soidade coa que traballo o autor. Para iso viña moi ben compartir estes talleres. Logo tiñamos outros motivos. O primeiro, interesábanos traballar en proxectos a máis longo prazo e, o segundo, había ganas de ter un teatro para que as funcións estivesen máis tempo en cartel. Os tres sufriamos vendo como os espectáculos que funcionaban ben de público só podían estar, como moito, catro semanas en teatros públicos. Dábanos pena esa situación. Primeiro polos nosos espectáculos, pero tamén polos espectáculos dos demais. Hai moita produción de teatro público que non ten percorrido. Iso é un auténtico desastre. Por todo isto pensamos en traballar xuntos. E o seguinte paso que tomamos, cando decidimos formar a sociedade, foi buscar un teatro para facer as traxedias. Así atopamos a Teatro de La Abadía, con José Luís Gómez, que apoiou o proxecto. Despois, Miguel del Arco atopou o Teatro Pavón, que acababa de deixar a Compañía Nacional de Teatro Clásico. Entón Kamikaze decidiu abrir o seu teatro. Pareceunos moi ben esa decisión e entón seguimos, Andrés e mais eu, co proxecto de Teatro de La Ciudad.

Xa que falou de Matadero Madrid, non sei se preguntarlle pola polémica que houbo este ano coa xestión dese espazo e a súa liña de programación... Ou será moito xardín?

Si que é un xardín. Pero podo responder rapidamente: Penso que as artes escénicas son moi extensas en xénero e os teatros deberían incluír nas súas programacións de xeito regular todo o abano. Os teatros públicos deben apostar por todos os xéneros, non entendo a diferenciación de xéneros maioritarios e xéneros minoritarios. Iso é o que penso. Dáme moita preguiza que os teatros se especialicen en xéneros, ao igual que os festivais que só se centran nun xénero. Hai que defender que os teatros e os festivais sexan abertos. O público debe poder gozar do máis insospeitado e variado teatro. O teatro solto é así: libre e vivo.