Volver

A AAAG despídese da nosa compañeira Fely Manzano

A Xunta Directiva mostra tamén todo o seu agarimo diante dunha actriz de longuísima traxectoria, tanto no teatro coma no audiovisual, e que deixou unha fonda pegada de afecto na profesión.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) quere manifestar o seu pesar polo falecemento da actriz Fely Manzano. A Xunta Directiva mostra tamén todo o seu afecto diante dunha actriz de longuísima traxectoria, tanto no teatro coma no audiovisual, e que deixou unha fonda pegada na profesión. Ademais, dende a AAAG quérese destacar que Manzano formaba parte da xeración de actores e actrices que abriron camiño na profesionalización escénica. E, no audiovisual, formou parte das primeiras series de televisión, sendo así o seu traballo sempre pioneiro.

FELY MANZANO

Nacida en Ourense en 1942, Fely Manzano desenvolveu o seu traballo interpretativo nos ámbitos do teatro e do audiovisual. No campo cinematográfico, participou nunha gran variedade de películas, comezando pola histórica Urxa (Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal, 1989). Tras ese título, Manzano tamén formou parte dos elencos de fitas como Lena, de Gonzalo Tapia; Divertimento, de José García Hernández; A los que aman, de Isabel Coixet; A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda; El regalo de Silvia, Dionisio Pérez Galindo, ou El tesoro, de Manuel Martín Cuenca.

Na televisión, a actriz foi un rostro habitual para o público galego. Deste xeito, participou en series da TVG tanto en papeis fixos en series (como Pratos combinados ou A vida po diante) coma en roles episódicos en ficcións como Mareas Vivas. A nivel estatal, participou en seriais como El Comisario ou El oro y el Barro.

O seu traballo sobre as táboas principiou no Teatro Español Universitario (TEU) en obras como El embrujado, El zoo de cristal ou Tan perfecto no te quiero. En Galicia, traballou con diversas compañías de teatro e participou en distintas montaxes do Centro Dramático Galego. Na institución de teatro público, Manzano participou en producións como As tres irmás, dixirida por Xosé M. Rabón; Espectros, baixo as ordes de Manuel Lourenzo, ou A casa dos afogados, tamén con Lourenzo. No ámbito privado, traballou para compañíass como A Factoría Teatro en Tío Vanía, Teatro do Atlántico en Liberdade Bremana ou Non se chora ou Andrómena Teatro en A porta pechada.

Entre as distincións recibidas cómpre destacar o Premio de Honra Fernando Rey dos Premios Mestre Mateo en 2015, concedido pola Academia Galega do Audiovisual.