Volver

Comeza o programa de formación permanente da AAAG con Jesús Aladrén e Víctor Duplá

A AAAG, coa inestimable colaboración da Fundación AISGE, iniciou este luns os obradoiros trimestrais de voz, impartido por Jesús Aladrén, e de interpretación con Víctor Duplá.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) iniciou este luns a súa programación de formación permanente, unha pioneira iniciativa que busca ofrecerlles aos socios e socias a oportunidade de participar en cursos de diferentes perspectivas dunha forma continuada. Deste xeito, a AAAG, coa inestimable colaboración da Fundación AISGE, comeza este proxecto formativo con dous obradoiros. O primeiro, deles céntrase no traballo da voz co ortofonista Jesús Aladrén e celébrase na sede de AISGE en Santiago. O segundo, impartido por Víctor Duplá, desenvólvese ao redor da interpretación e ten lugar na Sede da SGAE.

O curso de Aladrén, que se celebra todos os luns até o 10 de abril, ten como obxectivo repasar, poñer a punto e corrixir aquelas técnicas vocais adquridas durante o período de formación, así como tamén dedicar tempo á investigación coa finalidade de ampliar o coñecemento de voz. Dese xeito, os/as participantes desenvolverán unha táboa de traballo, cuxo contido se inspira nos tres aparellos de voz (respirador, fonador, resoador). Por outra banda, este obradoiro busca ademais a evolución do nivel de coñecemento ao redor da voz e a súa importancia no mundo intepretativo.

Pola súa banda, Víctor Duplá imparte un obradoiro titulado A actriz creadora / O actor creador. O carácter, a acción e o conflito. Nel, preténdese -entre outras metas- adestrar a improvisación como ferramenta para chegar á expresión do texto e reforzar a historia, desenvolver e liberar a imaxinación, gañar confianza ou comprender as propias virtudes e limitacións para que estas interfiran no menos posible no proceso creativo.

Con estes dous primeiros cursos, iniciamos este programa de formación continuada exclusividade para os socios/as da AAAG e de AISGE.