Volver

Abre o prazo de inscrición para os XXI Premios de Teatro María Casares

O prazo para a inscrición de espectáculos abre este xoves 22 de decembro e pechará o próximo 11 de xaneiro. Poderán concorrer todas as producións de actor en lingua galega estreadas ao longo do ano 2016. O proceso realizarase en exclusiva a través da aplicación en liña incluída na web da AAAG. A gala celebrarase o 29 de marzo.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) convoca os XXI Premios de Teatro María Casares, cuxa gala de entrega se celebrará o vindeiro 29 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Poderán participar todos os espectáculos de teatro de actor en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2016 e o prazo de inscrición iníciase este xoves 22 de decembro e pecha o 11 de xaneiro ás 15.00 horas.

O proceso tanto de inscrición como de votación realizarase integramente a través da rede, a través da páxina web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. A ferramenta de inscrición pódese atopar nesta ligazón, dentro da sección específica para os Premios de Teatro María Casares, que contén unha ampla base de datos dos espectáculos presentados ao longo das anteriores edicións e que irá incorporando as producións que se presenten a este galardón. No formulario de inscrición, as compañías han de incorporar un programa, cartel e fotografías do espectáculo, ademais de indicar os seus candidatos nas diferentes categorías. Tedes as bases dos premios nesta ligazón.

Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro e a gran festa para todos os profesionais do sector. En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Durante a gala, que se celebrará o 29 de marzo, entregarase o Premio de Honra Marisa Soto e darase a coñecer o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.