Volver

Lecturas Dramatizadas de Casa O'Rei, de Santiago Cortegoso, e Chuvia, de Julio Fernández

A primeira das lecturas, dirixida por Cortegoso, celebrarase o martes 13 de decembro ás 21.00 horas na Sala Fundación SGAE de Santiago. Unha semana despois, o martes 20, terá lugar a lectura de Julio Fernández no mesmo local

Por iniciativa do Consello Territorial da SGAE en Galicia, a AAAG en colaboración coa Fundación SGAE organiza dúas lecturas dramatizadas en Santiago de Compostela. A primeira delas celebrarase o vindeiro martes 13 de decembro ás 21.00 horas na Sala Fundación SGAE de Santiago de Compostela. O texto é a Casa O'Rei, de Santiago Cortegoso, quen dirixirá aos actores Miguel Borines, Victoria Teijeiro, Marián Bañobre, Teté García, Artur Trillo e Xosé Manuel Esperante.

A segunda das Lecturas Dramatizadas celebrarase o próximo martes 20 de decembro ás 21.00 horas na SGAE. O texto será Chuvia, de Julio Fernández, quen dirixirá a lectura cos intérpretes Josito Porto, Antonio Coucheiro Cou e Roberto Leal.

Martes, 13 de decembro, 21.00 h. Sala Fundación SGAE de Santiago de Compostela.

Casa O’Rei, Santiago Cortegoso

Sinopse: Manolo Rei, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne a familia. A comida sempre é unha escusa. Desta vez para repartir a Casa entre as súas tres fillas. Pero o cocido sáelle cargado de traizón e desprezo, intragable polo amargor dun mundo novo, acedo e descoñecido, que trae do estranxeiro unha morte preconxelada e adobiada con fel. O tempo, o destino e o Burger King son implacables coa sorte dos mortais que non saben seleccionar os ingredientes axeitados para elaborar as receitas da súa vida. Casa O'Rei propón un xogo escénico a partir do "Rei Lear" de W. Shakespeare ambientado nunha típica Casa de comidas galega.

Santiago Cortegoso (Moaña, 1974). Actor, escritor e director de escena, nomeadamente á fronte da súa compañía: Ibuprofeno teatro. Entre os seus traballos destaca: Raclette (Premio Álvaro Cunqueiro 2014, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de teatro do 2015 e Mellor espectáculo na Feira de Ciudad Rodrigo 2016), O Furancho (Finalista nos Premios María Casares ao Mellor texto orixinal e Premio do Público no FETEGA), Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios (Premio María Casares ao Mellor texto orixinal), A filla de Woody Allen (Finalista nos Premio Max ao Mellor Autor Galego, Premio Coiro de Pita da Sala Ingrávida 2016), 0'7% MOLOTOV (Premio Rafael Dieste 2009, finalista ao Mellor texto orixinal nos Premios Max e nos Marías Casares 2012) e Casa O’Rei. Traxicomedia gastronómica (Morgante, 2010).

Dirección: Santiago Cortegoso

Intérpretes: Miguel Borines, Victoria Teijeiro, Marián Bañobre, Teté García, Artur Trillo e Xosé Manuel Esperante.

Martes, 20 de decembro, 21.00 h.

Chuvia, Julio Fernández

Sinopse: Watt e Olf, dous homes cun marcado trazo intelectual, atopan na súa vivenda a un home espido e refuxiado baixo unha cadeira, un home do cal descoñecen todo e co que non chegarán a ter contacto, agás do visual, mais que espertará neles especulacións de diversa índole. Non é este, con todo, o incidente de maior magnitude. De súpeto, e como nun soño, a cidade derrúbase, e os tres homes volven atoparse no medio dos escombros.

Cun forte carácter alegórico e surrealista, Chuvia constitúese nun relato onde a inacción e a inercia dos seus personaxes contrasta co drástico devir dos acontecementos, e onde a expresión das emocións agocha unha insoportable incapacidade para asumir a preta existencia do outro.

Julio Fernández: Titulado en Dirección e Dramaturxia pola Esad de Galicia e Máster en Formación e Investigación literaria e teatral. Dirixe a compañía Anómico Teatro e a editorial de teatro Invasoras. Os seus textos teatrais recibiron numerosos premios como como o Dulce por Amargo, Cuenca a escena, Pegada de Teatro Radiofónico, Teatro x la Justicia ou El Espectáculo Teatral, entre outros. Foi Premio Internacional de Poesía Experimental de la Diputación de Badajoz, Sargantas de Poesía Visual, Ángel Ganivet e o Vigo Histórico de relato. Entre as súas publicacións destacan: Los bólidos del olvido (Edita T), Cuando las islas hablen (Tandaia), Billetes transportan mensajes (Vitruvio), A morte é breve (RGT n.84), Filamentos de tiempo (Irreverentes), Manifiesto capitalista para destrozar corazones (Irreverentes), Esgotar os ollos (Estaleiro), O chapeu do indixente (Estaleiro) y Ananké (Episkenion n.1)

Dirección: Julio Fernández

Intérpretes: Josito Porto, Roberto Leal e Antón Coucheiro.