Volver

O 48% dos artistas galegos non conseguen traballo na súa profesión

A Fundación AISGE presentou hoxe en Santiago os datos galegos do Informe sociolaboral sobre o colectivo de actores e bailaríns en España.

O 48% dos artistas en Galicia non conseguen emprego dentro da súa profesión. Ese é o principal dato territorial que se desprende do Informe sociolaboral sobre o colectivo de actores e bailaríns en España, traballo sociolóxico desenvolvido nos sete primeiros meses de 2016 por parte da Fundación AISGE, a entidade que xestiona os dereitos de propiedade intelectual de actores e intérpretes. O índice dispárase no marco dos intérpretes audiovisuais, cuxa taxa de desemprego se sitúa nun 55%. No campo da dobraxe, a porcentaxe sitúase no 48% e no eido teatral, chega ao 44%. No ámbito da igualdade, existen diferenzas na taxa de desocupación de até cinco puntos: hai un 50% na de mulleres sen emprego profesional fronte ao 45% dos compañeiros masculinos.

Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia, presentou os datos hoxe en rolda de prensa en Santiago na compaña do técnico da entidade Iván Arpa. Blanco, na súa intervención, definiu os datos como “alarmantes” e explicou que este informe está elaborado a nivel do estado, a través da realización de máis de 3.200 enquisas, das cales un total de 187 se realizaron en Galicia.

Os datos do informe indican a acusada incerteza laboral que atravesan os profesionais do sector, que en gran parte se ven obrigados a buscar ocupacións complementarias para completar os seus ingresos. Nese senso, o 40% das persoas enquisadas precisan outros empregos. A cuarta parte dese grupo consegue ocuparse en labores máis ou menos próximos á súa profesión, desde o ensino artístico á produción de espectáculos ou proxectos audiovisuais. Non obstante, a inmensa maioría tense que conformar con empregos doutra natureza, sen conexión co mundo das artes.

O informe de AISGE desvela, ademais, que o 60% dos artistas en Galicia se sitúa por baixo da liña da pobreza, cifra semellante á rexistrada en Cataluña (58%) e sensiblemente inferior á de Madrid (58%). Esta porcentaxe engloba a quen non obtivo ningún ingreso en absoluto ou os que, despois de conseguiren emprego no seu campo, non supera os 6.000 euros anuais. A proporción de artistas por baixo da liña de pobreza é particularmente terrible no caso dos bailaríns (89%). Dese 60% mencionado, outro 15% do total atópase en situación precaria, con ingresos medios de entre 500 e 1.000 euros ao mes. Só un 35% supera a condición de mileuristas.

Á presentación dos datos de Galicia do citado informe, acudiron a vicepresidenta da AAAG, Mabel Rivera, e os vogais Toni Salgado e Diego Freire. Rivera, durante a súa intervención, destacou “a precariedade en todos os ramos da interpretación” e sinalou que a crise afecta de forma capital nesta situación, mais tamén “as non-políticas das administracións”. Ademais, Rivera lembrou a importancia dos Convenios profesionais que atinxen aos intérpretes do audiovisual e o teatro. “Os convenios teñen valor de lei e como lei, hainos que respectar. Somos nós, as propias profesionais, quen debemos defendelos e as que non podemos aceptar traballos por baixo do convenio”, sentenciou Rivera.