Volver

Manifesto da AAAG lido na MIT de Ribadavia

Manifesto lido por Antonio Durán Morris, presidente da AAAG, en Ribadavia

Que vivimos tempos difíciles, e non só no económico, é unha evidencia. Como tamén é evidente que é en tempos coma estes cando a Cultura emerxe e se manifesta como instrumento imprescindible para pensar, para gozar, para soñar, para medrar individual e colectivamente, a pesar dos pesares.

Mesmo en tempos de crise - cando aqueles que deciden por nós despois de nos meter nela recorren con frecuencia ao socorrido epígrafe de “gastos prescindibles” - nós defendemos e temos certeza de que a Cultura ha de seguir a ser a trabe que sostén e cohesiona o edificio que acolla unha sociedade avanzada, o soporte e sustento imprescindible de persoas críticas e libres. Isto é, a creación e o gozo cultural como elemento necesario de avance, como faro para non quedarmos desarborados no medio da treboada.

E na Cultura, o Teatro como termómetro que marca hoxe, onte e sempre, a temperatura vital do país e da súa xente (que dicía Lorca), do seu idioma, da súa forma de ser, do seu lugar no mundo. Un país sen Teatro non ocupa lugar, non existe como tal desde o comezo da Historia, pois no Teatro e co Teatro sentimos, reflectímonos: somos e vivimos! E quen é quen de existir sen vivir, sexa persoa ou país?

En Galicia e no Teatro xa levamos ben anos demostrando vida. Mesmo que os latexos do noso corazón non fosen nunca tan fortes como quixermos. Levamos anos a medrar aos poucos, entregando o mellor de nós mesmos a unha sociedade á que nos debemos e que tamén medrou connosco. Abríronse Teatros que seguimos ocupando cada día máis, o público que nos acompaña é tamén cada día máis, mais os mandatarios e responsables políticos non sempre están convencidos e predispostos cada día máis. E é que as vantaxes e os beneficios do Teatro, da Arte e da Cultura en xeral, cuantifícanse en formación, en benestar, en progreso colectivo e en calidade de vida, e estas variables dificilmente poden ser avaliadas en réditos electorais.

Por todo isto, con crise ou sen ela, temos que seguir a avanzar e non recuar nin un paso. Non podemos permitir que caia o pano a destempo; non podemos aturar que alguén poida ser privado da posibilidade de acudir a gozar dunha representación. Sexa na maior cidade ou sexa no lugar máis afastado do país, no auditorio máis modesto, na última rúa ou praza, no máis recóndito colexio.

O Teatro é un ben cultural que os poderes públicos teñen que poñer a disposición do seu país e da súa sociedade. Porque constitúe un dereito e aos dereitos non se renuncia.

Só a risco de regresar á barbarie.

Amamos a escena. Estamos aquí e seguiremos estando. Só demandamos que se nos permita facer Teatro coa dignidade que o público e nós merecemos.