Volver

Comunicado conxunto da AAAG, AGAG, CREA, OAG, AGAPI, AISGE e AGA sobre a situación do CGAI

Comunicado conxunto da Asociación de Actrices e Actores de Galicia, Asociación de Guionistas de Galicia, da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, o Observatorio Audiovisual de Galicia e a Academia Galega do Audiovisual sobre a situación do Centro Galego das Artes da Imaxe.

Desde hai 25 anos, en Galicia contamos cunha institución que naceu, entre outras cousas, para preservar e difundir o patrimonio audiovisual galego. Outros dos seus cometidos orixinais foron asumidos posteriormente por outros organismos. Pero da conservación do noso patrimonio audiovisual, que é un traballo dunha grande esixencia técnica, se non se ocupa o CGAI, quen se vai ocupar?

A posibilidade, formulada ultimamente, de que o CGAI vexa aínda máis reducido o seu persoal conforma unha seria advertencia. Corremos o risco de desatender a tarefa de restaurar, conservar, catalogar e manter como ben público a memoria visual -sempre fráxil- deste país. E iso é grave. Sen memoria, apenas somos nada.

De hai 25 anos para aquí, a produción audiovisual en Galicia multiplicouse notablemente. A irrupción da tecnoloxía dixital, máis que facilitar o traballo, significou un reto formidable para os arquivos audiovisuais. É dicir, o terreo sobre o que un organismo tan modesto coma o CGAI debe traballar expandiuse a eito nos últimos anos.

E, no entanto, son poucos e minguantes os recursos que se destinan a que cumpra co seu cometido. É coma se alguén con poder decisorio considerase menor ou superfluo o traballo dunha filmoteca. Un erro fatal, froito ou da ignorancia ou da falta de autoestima. Nada tan destrutivo -e enganosamente silencioso- como a indiferenza, o desleixo, o abandono.

Reverter esa tendencia, manter e facer medrar os recursos do CGAI deberan ser unha prioridade cultural deste país.

Esiximos que unha entidade con tanta importancia e peso na nosa cultura sexa xestionada adecuadamente, dotándoa do persoal e medios necesarios para o seu óptimo funcionamento.