Volver

Repasamos as claves do novo Convenio do Audiovisual tras a visita de Sara Mora

A AAAG organizou o pasado mércores un encontro entre xs socixs e Sara Mora, avogada do equipo asesoramento laboral da asociación, co obxectivo de dar a coñecer as principais mudanzas que implica o III Convenio Colectivo Estatal do Audiovisual, cuxo texto saíu publicado no BOE o 16 de maio e que xa podes consultar integramente na nosa páxina web.

AAAG organizou o pasado mércores un encontro entre xs socixs e Sara Mora, avogada do equipo asesoramento laboral da asociación, co obxectivo de dar a coñecer as principais mudanzas que implica o III Convenio Colectivo Estatal do Audiovisual, cuxo texto saíu publicado no BOE o 16 de maio e que xa podes consultar integramente na nosa páxina web.

Experta en Dereito Laboral e no Regulamento da Seguridade Social, Mora desenvolveu a súa carreira como avogada ao cargo dos asuntos civís e laborais de entidades como a Unión de Actores de Madrid e a Federación de Artistas do Estado Español (FAEE). Na actualidade encárgase do asesoramento para ConArte. Con toda esta bagaxe, convértese nunha referente que a AAAG quixo achegar aos seus asociados para analizar os cambios que se recollen neste III Convenio do Audiovisual.

Durante o encontro cxs socixs da AAAG, Mora centrouse, principalmente, en detallar as modificacións de calado que pasan a estar vixentes grazas á aprobación do III Convenio.

1.CASTING. “Como novidade, regúlanse os castings e audicións. E pasa a ser ilegal a pretensión da cesión dos dereitos intelectuais en calquera tipo de casting. É dicir, xa non se lle poderá dicir a ningún intérprete que ‘ou asinas a cesión ou quedas sen facer o casting’”, sinalou Mora para explicar o que se recolle no artigo 26 do Convenio:

“A efectos de probas e audicións en obras de ficción e co obxectivo de garantir os dereitos do Actor/Actriz sobre a súa propia imaxe, queda prohibida a obrigatoriedade de asinar antes, durante ou despois da Audición calquera tipo de escrito ou documento relativo á cesión gratuíta de dereitos intelectuais.”

2. ENSAIOS. Outro dos aspectos que destacou Mora fai referencia “ao regulamento dos ensaios”. Os ensaios que se convocan fóra da xornada de rodaxe, han de ser remuneradas tal e como se recolle no artigo 18.

“Queda excluída a obrigatoriedade de realizar ensaios gratuítos, de conformidade co establecido no Real Decreto 1435/1985. Salvo pacto en contrario, as xornadas de ensaio en sesións independientes das da rodaxe retrubuiranse independentemente do salario”

Recollénse, ademais no ANEXO I, as tábaos de remuneración dos ensaios:

“A retribución mínima por ensaio convocado expresamente como tal e sen rodaxe posterior será, para o grupo profesional de actores/actores, de 50 € por sesión para protagonistas e secundarios e de 40 € por sesión para reparto e pequenas partes.”

3.Delegados Sindicais. Unha das principais mudanzas do Convenio é, tal e como transmitiu Sara Mora, a posta en marcha da figura dos delegados sindicatos no sector, de xeito que se cobre un baleiro existente até o momento. “A través deste convenio conseguimos cubrir o que a Lei orgánica de Liberdade Sindical non nos outorga. Grazas ao convenio, teremos delegados territoriais que van supoñer que unha persoa dos sindicatos profesionais poida acudir ás producións e solicitar a información dos contratos, a previsións de risco, etc;” relatou Mora, sinalando que até o de agora había unha falla na representatividade sindical no sector, por mor da natureza propia da profesión, os períodos de contratación e a duración das producións.

Así se explica no Artigo 39. Dereitos sindicais

“As partes acordan […] outorgar aos sindicatos que ostenten a condición de “máis representativos” […] as función de representación sindical dos traballadores/as do sector nos supostos de inexistencia de representación legal dos traballadores/as a través dos delegados/as sectoriais que a tal efecto se nomeen. Os ditos delegados/as sectoriais, cun número de máximo de nove para todo o territorio nacional, serán nomeados anualmente polo sindicatos antes referidos segundo o seu criterio e notificados puntualmente á parte patronal”

Mora explicou que as escollas dos próximos delegados sectoriais será unha decisión a tomar na próxima reunión da Mesa Paritaria. “Calculamos que, aproximadamente, nun mes se produza a xuntanza e se elixan as persoas”, sinalou Mora. As funcións destes delegados sectoriais, por outra banda, recóllense nese mesmo artigo e pasan por:

a) Ter acceso á mesma información e documentación que a empresa deba poñer a disposición do comité de empresa, en aplicación á lexislación vixente, estando obrigados os delegados/as sectoriais a gardar sixilo profesional naquelas materias nas que legalmente proceda.

b) Ser oídos pola empresa previamente á adopción de medidas de carácter colectivo que afecten os traballadores/as en xeral e aos afiliados ao seu sindicato en particular, e especialmente nos despedimentos e sancións destes últimos.

4.FIGURANTES E CATEGORÍAS. Sara Mora, no seu encontro cxs socixs da AAAG, lembrou que xa hai un I Convenio do Figurante asinado e que xa saíu publicado no BOE o propio mércores 18; que aclara calquera dúbida ao respecto desta figura e regula a súa natureza laboral. Grazas a ese documento, deberán arredarse certas prácticas que se levaron a cabo no ámbito da figuración. “Por exemplo, nunca existiu unha categoría de figurante especial, unha figura que se inventaron as produtoras. Agora está regulado e ben claro, xa temos capacidade para ir a unha inspección de traballo para dicir que este figurante non é figurante, senón que está na categoría de Breve Intervención”, sinalou Mora, antes de lembrar a necesidade de “sermos máis proactivos” cando se producen desequilibrios nas categorías e esixir a adecuación dos nosos contratos á realidade laboral que desempeñamos.

Neste senso, o ANEXO I do Convenio detallan os grupos Profesionais existentes e aos que se deben acoller todos os contratos de actor ou actriz:

– Actor/Actriz protagonista: É o/a ou os/as intérpretes sobre quen recae o peso e o desenvolvemento da trama/historia principal dunha produción, e claramente destacado/s do resto.

– Actor/Actriz secundario: Todo/a aquel/a intérprete necesario/a para ambientar e darlles réplica e credibilidade aos actores/actrices protagonistas e principais no desenvolvemento da trama principal ou sub-tramas.

– Actor/Actriz de reparto: Aqueles personaxes que non superen as 20 liñas de texto, e cun máximo estas de 60 espazos mecanografados, por película ou obra completa e que pola súa presenza escénica en tempo ou en peso específico, non chegan ás características de papel secundario.

– Actor/Actriz de pequenas partes: Aqueles personaxes que non superen as 2 liñas de texto, e cun máximo estas de 60 espazos mecanografados, por película ou obra completa e que coa súa presenza escénica en tempo ou peso específico, non cheguen ás características do papel de reparto.

Para rematar, Sara Mora sinalou que o “figurante non ten presenza na trama, non ten que ser actor nin ten que recoñecerse por nada en concreto” e detallouno cunha serie de exemplos. “Poñamos por caso que alguén fai de profesor de tenis. Ten que saber xogar ao tenis. Xa non é un figurante porque precisa unha capacidade especial. Sería breve intervención, a non ser que a súa intervención na trama sexa de reparto”.

5.OBRA COMPLETA

Por último, unha das novidades máis importantes no Convenio é o concepto de obra completa e como repercute nas categorías. “Co novo convenio, establécese que a medida das liñas é o conxunto da obra audiovisual, a obra completa. A ti poden contratarte por cinco sesións, mais se nesas cinco sesións superas as vinte liñas, entras na categoría de secundario”.

Estas foron as principais claves que Sara Mora compartiu cxs asociadxs que acudiron á xuntanza organizada pola AAAG, na que tamén houbo espazo para consultar dúbidas particulares e para reflexionar unha vez máis sobre a necesidade de defender os nosos dereitos laborais. “Negóciase un convenio para que se cumpra. Non hai que ter medo a defendelo e a reivindicar que se aplique. Dentro da Lei, permítese que o sindicato poida denunciar sen que ti, actor ou unha actriz, teñas que denunciar. Pero cada vez que hai que facer unha reclamación por algún aspecto, se queres conseguilo, non podes agocharte. Se te agochas, despois non tes dereito a te queixar”, sentenciou Mora.

Se tedes calquera dúbida, cuestión ou circunstancia que compartir ao respecto do convenio ou a túa situación laboral, lembra que sempre podes acudir a Asociación. Estamos aquí para o que precisedes: info@aaag.es ou 981 593 829.