Volver

'O tempo das mareas': a "psicoxeografía" de María Casares

A investigadora María Lopo presentou o 14 de abril na Casa Museo Casares Quiroga o seu libro 'O tempo das mareas', unha nova achega bibliográfica con fotografías e materiais descoñecidos sobre a actriz coruñesa

“Este é un libro no que cada capítulo se converte nun lugar: o lugar do exilio, o lugar da infancia, o lugar de Camus. É un libro que ten deste xeito a condición de psicoxeografía de María Casares”. Con estas palabras, o escritor Manuel Rivas definiu O tempo das mareas, libro editado polo Consello da Cultura Galega no que a investigadora María Lopo percorre a vida e a traxectoria de María Casares, achegando novas perspectivas e materiais inéditos sobre as múltiples dimensións da intérprete nacida na Coruña en 1922.

A presentación transcorreu onte nun espazo e nun día cheo de significado. A escolla non foi casual. “Estamos aquí na Casa Museo Casares Quiroga e presentamos o libro o 14 de abril, día do 85º aniversario da proclamación da II República. Non pode haber maior simbolismo”, sinalou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, antes de definir a actriz como “unha muller feita de terra galega”. As palabras non eran súas, pertencían á propia intérprete, ao igual que o propio título do libro. “E hai que dicir que o título, O tempo das mareas, está posto moito antes de que as mareas fixeran presenza no espazo político galego”, chanceou Villares antes de explicar a orixe do nome. “Fai referencia a unha historia de amor extraordinaria entre dúas almas, María Casares e Albert Camus. Era a historia de dous mares, o Atlántico e o Mediterréneo, que unían a dúas persoas, a dous intelectuais de gran peso en Francia, pero que malia todo nunca deixaron de ser unha especie de outsiders. Porque a cultura de Francia aínda que os aceptou, nunca os chegou a integrar por completo pola súa condición de foráneos”, concluíu o historiador.

Precisamente Camus é un dos “lugares” que se estuda nun volume que María Lopo definiu como “un libro de encontros e de reecontros”, posible grazas á “xenerosidade” dun feixe de institucións, arquivos e persoas que colaboraron na cesión de documentos e imaxes de María Casares. Na relación de nomes, Lopo quixo destacar a implicación da familia de Pilar López Nóvoa, amiga da infancia de María Casares. “No verán de 1935, Pilar e María intercambiaron unha serie de fotos. Despois viría a guerra, a represión e o exilio e aquel intercambio entre rapazas transcendeu e fíxose historia”, explicou Lopo sobre unhas instantáneas que Casares gardou durante toda a vida, sendo ela unha persoa que "non conservou demasiadas cousas”.

Cartas da infancia

Esas imaxes son un dos moitos atractivos d'O tempo das Mareas, un libro que achega tamén novas informacións e materiais sobre a infancia da actriz a través dunha serie de cartas da María nena, que facilitan un retrato en primeira persoa dos seus primeiros anos e do que a actriz considerou sempre como “o seu primeiro exilio”: o que a levou dende a súa casa en Panadeiras até Madrid cando seu pai foi nomeado ministro do Goberno da II República en 1931. Ese ano foi un ano de rutptura, xa que Galicia -ao igual que a súa infancia- transformouse nunha sorte de paraíso perdido, de imaxe conxelado na memoria, un lugar -talvez un non lugar- ao que xamais puido nin quixo regresar.

Mulleres obreiras

O libro, ademais, tamén deita luz sobre as súas orixes familiares dende unha perspectiva diferente e ampla. “Sobre a familia paterna, a dos Casares, estúdase constantemente; mais da memoria da familia materna non había nada. A familia das Pérez Corrales era unha familia obreira, de cigarreiras, unha saga feminina de traballadoras”, sinalou Lopo antes de engadir que “nos círculos íntimos de María Casares áchanse unha serie de mulleres que foron determinantes para que a actriz vivira unha condición feminina libre, valente e plural”.

O exilio e a ocupación

O libro tamén se centra nun dos feitos que definen con rotundidade a figura de María Casares: o seu segundo exilio, o provocado pola guerra e que a levou a Francia para ser unha “residente privilexiada” no país galo. A familia Casares Quiroga quedou rota tras o golpe de Estado e a Guerra Civil. Dispersouse e os seus membros quedaron separados durante anos. Esther Casares, filla maior de Santiago Casares Quiroga, ficou detida na Coruña, sufrindo a cara máis dura da represión até que en 1955 puido marchar ao exilio. Pasaran vinte anos do inicio da guerra e cinco dende a morte do pai, que estivo durante a Guerra Mundial exiliado en Londres. Pola súa banda, María e a súa nai, Gloria, chegaron a París e converteron, dende o primeiro momento, o seu domicilio nun refuxio para os exiliados e fuxidos españois durante a II Guerra Mundial.

Tamén foi refuxio para amigos xudeus perseguidos pola ocupación nazi de Francia. É o caso de Nina Reicyn, investigadora de pedagoxía e unha desas mulleres que marcou a vida de Casares. “Amiga de María, acollérona na casa. Mais ao final non puideron facer nada, xa que tanto ela como a súa familia foi detida na redada contra os xudeus no París de 1942”, explicou Lopo antes de setenciar que “a Galicia antifascista” da que formaba parte María Casares era “internacional”.

A relación con Camus

Tal e como explicou Villares na presentación, María Casares e Albert Camus mantiveron “unha historia de amor extraordinaria.” Unha relación que foi capital para o desenvolvemento emocional, persoal e artístico de ambos os dous intelectuais. No libro, María Lopo mergúllase nesa influencia mutua e durante a presentación destacou a presenza de María Casares na novela inacabada que Camus estaba a preparar cando morreu nun accidente de tráfico. “Nas notas de traballo desa novela inacabada, O Primeiro home, aparece a Galicia narrada por María Casares. Aparece Bastiagueiro, aparece Montrove. O personaxe feminino, que comeza a emerxer xusto cando se interrompe a escrita, está inspirado en María Casares”, sinalou Lopo.

A Galicia arrebatada

Para pechar o acto, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, sinalou que María Casares representa "a Galicia que nos foi arrebatada” tras o golpe de estado de 1936 e a posterior represión de corenta anos de ditadura. “É un dos exemplos de todo o que perdeu Galicia por culpa do golpe. É obriga dos investigadores e tamén das institucións restaurar a memoria do exilio”, sinalou Ferreiro antes de finalizar cunha sentenza: “Debemos reverter o esquecemento”.

FOTO: laduda.net