Volver

A AAAG lembrará a María Casares cun recital poético e un coloquio sobre a súa figura histórica na Casa Museo Casares Quiroga

A Casa Museo Casares Quiroga acollerá mañá ás20.00 horas un coloquio sobre a súa figura coa participación dohistoriador Emilio Grandío, a investigadora María Lopo e a autorada súa primeira biografía en galego Arancha Estévez

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) organiza unha serie de actividades para lembrar e difundir a figura de María Casares neste 2016, ano no que se conmemora o vixésimo aniversario do seu pasamento e a vixésima edición dos Premios de Teatro que levan o seu nome. A intención da AAAG é dar a coñecer en Galicia a súa traxectoria vital e profesional, contribuíndo así a emendar o descoñecemento e o silencio que arrodea a esta figura sobranceira, unha actriz de enorme prestixio e de gran peso intelectual en Francia. “María Casares é a intérprete galega máis universal, a que máis pegada deixou no teatro internacional e un auténtico símbolo en Francia, país que a acolleu durante o seu exilio”, sinalou Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG na rolda de prensa celebrada esta mañá na Casa Museo Casares Quiroga e na que tamén interviron o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

Rivera, ademais, explicou que a AAAG se sente “en débeda con María Casares” dende 1997, ano no que se celebraron os primeiros Premios de Teatro que levan o seu nome e que están organizados pola propia asociación. “Estamos en débeda con ela e, neste ano no que celebramos a vixésima edición dos galardóns, quixemos asumir a parte que nos corresponde dunha tarefa colectiva: homenaxear e dar a coñecer a María Casares na súa terra”, engadiu Rivera, antes de celebrar a colaboración nestes actos de institucións como o Concello da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Deputación da Coruña. “Esta é unha tarefa de todos e celebramos a implicación das institucións, como tamén celebramos que a Asociación poida contribuír á hora de lembrar a María Casares nesta Casa Casares Quiroga, que tamén foi súa e que tanto marcou a súa vida dende a infancia mesma”, concluíu a vicepresidenta da AAAG.

COLOQUIO

Tras a celebración dos premios María Casares a semana pasada, as actividades complementarias organizadas pola AAAG centraranse na Casa Museo Casares Quiroga. Deste xeito, mañá xoves ás 20.00 horas, terá lugar na Biblioteca do edificio un coloquio ao redor da súa figura dende un plano persoal e histórico. Baixo o título María Casares. Voces dun retrato, o encontro reunirá o historiador Emilio Grandío, a xornalista Arancha Estévez -autora da primeira biografía en galego de María Casares- e María Lopo -investigadora que recolleu a correspondencia entre María Casares e Santiago Casares Quiroga en Cartas no exilio-. Os tres analizarán a súa figura dende o plano humano, vital e político. O coloquio estará presentado por Mabel Rivera e será conducido polo xornalista e escritor Alberto Ramos.

Xa o mércores 13, véspera do aniversario da Proclamación da II República, celebrarase na propia Casa Museo Casares Quiroga un recital baixo o nome A Poesía de María. Neste acto, dirixido por Lino Braxe, catro actrices recitarán –con acompañamento musical- unha escolma de poemas que marcaron, dun xeito ou doutro, a María Casares. Os poemas escollidos son algúns dos que máis lle interesaban á actriz, que cada 25 de xullo lía na radio francesa algún poemas para lembrar as súas orixes e a súa terra. Entre a escolma preparada por Braxe, pódense atopar versos de Luís Seoane, Rosalía de Castro, Curros, Lorca, Rafael Alberti, Yeats ou Rimbaud. As actrices que participarán serán Sabela Hermida, Rebeca Montero, Manuela Varela e Amalia Gómez.

Estas dúas citas son parte das actividades que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) organizan neste 2016 para difundir a figura de María Casares. Únense a iniciativas xa celebradas, como a Homenaxe que tivo lugar no CGAI a semana pasada coa colaboración da investigadora Sabela Hermida e o historiador José Luis Castro de Paz ou as lecturas dramatizadas das súas memorias, Residente privilexiada, que se puideron escoitar na Radio Galega a través do programa Diario Cultural na semana do Día da Muller Traballadora, implicando tamén así neste aniversario á Radio Televisión de Galicia. Máis actividades sobre María Casares iranse anunciando ao longo deste 2016.

Perfil María Casares

O 21 de novembro de 1922. Aquel día, na Coruña, naceu a que sería a actriz galega con maior proxección internacional, María Victoria Casares Pérez, filla de Santiago Casares Quiroga, ministro e xefe de Goberno da II República. O éxito da actriz chegaría lonxe da casa, en Francia, nun exilio do que só volveu en contadísimas ocasións.

En Francia, a onde chegou con trece anos e tan só tres meses despois do inicio da Guerra Civil, Casares principiou a súa formación teatral e estreouse como actriz no afamado teatro Les Mathurins en 1942. Nese escenario iniciou unha frutífera e recoñecida carreira teatral na que traballou con actores como Jean Marchat, Jean Anouilh ou Georges Vitaly. Foi naquela época, nos anos corenta, cando iniciou tamén a súa selecta traxectoria no cine, debutando na clásica Les Enfants du paradis, de Marcel Carné. E foi tamén naqueles anos corenta, cando María Casares coñeceu a Albert Camus, iniciando unha longa carreira artística e persoal.

Deste xeito, María Casares acabaría por consagrarse como actriz de referencia e de enorme recoñecemento ante o público. Ao final da súa vida recibiu grandes premios da súa carreira: o Premio Nacional de Teatro e a Lexión de Honor. Dende España chegoulle a Medalla de Belas Artes e dende Galicia, o título de filla predilecta da Coruña e a medalla Castelao.

En 1997, a AAAG bautizou os seus premios de teatro co nome da actriz para recoñecer a súa longa traxectoria e a súa pegada na interpretación internacional. María Casares quixo acudir á primeira gala destes premios, mais o seu falecemento impediullo.