Volver

Precisamos realmente do teatro?

Mensaxe Internacional no Día Mundial do Teatro 2016 por Anatoli Vassiliev.

Precisamos realmente do teatro?

É unha pregunta que nos facemos decepcionados muitos profesionais e muitos espectadores. Pra que nos pode servir o teatro neste tempo en que a escena se mostra insignificante diante das traxedias reais que se representan a diario nas prazas das cidades, terra afora nos países?

Antes de nada, o que é para nós o teatro?

Grandes salas ornadas en ouro, poltronas de veludo, voces impostadas, poeira entre os bastidores... Ou doutro xeito, unha cámara negra suxa de sangue e lama, chea de corpos nus, posesos.

Será que o teatro ainda ten capacidade de comunicar?

O teatro pode contalo todo. Todo!

Pode contar como habitan os deuses o ceo, como presos esmorecen en prisións esquecidas, como unha paixón pode elevarnos, como o amor nos destroza, como non resta espazo no mundo para a bondade, como reina o engano, como a xente vive tranquila nas súas casas en canto crianzas murchan en campos de refuxiados, devolvidas ao deserto, separadas dos seus seres queridos. O teatro pode contalo todo.

O teatro sempre estivo aí e continuará estando sempre.

E nos próximos 50 ou 70 anos o teatro resultará particularmente necesario. Pois de todas as artes de cara ao público, apenas o teatro acontece de boca a boca, de ollo a ollo, de man a man, de corpo a corpo. O teatro é de persoa a persoa, non precisa de intermediarios. É transparente como a luz, non pertence ao Sur, ao Norte, ao Leste ou ao Oeste, é a mesma esencia da luz brillando nas catro esquinas do mundo, inmediatamente recoñecíbel por toda persoa, hostil ou amigábel.

O teatro precisa ser diverso.

Mais, entre as moitas formas diferentes de teatro, as formas máis arcaicas de teatro han de ser as máis demandadas. Pois non se debe buscar contradición entre teatro civilizado e formas rituais de teatro. A cultura secular está perdendo a súa función, a “información cultural” invade o lugar da realidade e impede o noso encontro con ela.

O teatro é aberto. A entrada é libre.

Pra o inferno os gatgets e computadores! Vamos ao teatro! Ocupemos filas enteiras, da platea ao galiñeiro, ouzamos as palabras e vexamos as imaxes ao vivo! É o teatro diante nosa, non consintamos que a nosa vida axitada nos negue a oportunidade de asistirmos.

E finalmente, é preciso teatro de todos os tipos.

Apenas un teatro non é necesario: o teatro do xogo político, das armadillas políticas, o teatro dos políticos; o teatro do terror cotidiano, individual e colectivo, o teatro dos cadáveres e do sangue nas prazas e nas rúas, o teatro dos confrontos entre relixións e grupos étnicos.

__________________________

Considerado o maior director teatral ruso da sua xeración, Anatoli Vassiliev (Danilovka, 1942) é o fundador do teatro Школа драматического искусства (Escola de Arte Dramática) localizado na rúa Sretenka de Moscova, espazo concebido para a investigación teatral.

O Día Mundial do Teatro é promovido polo Instituto Internacional do Teatro organismo dependente da UNESCO.

__________________________

+info (con foto © Laurencine Lot)

http://www.world-theatre-day.org/author_2016_en.html