Volver

A AAAG busca a implicación das diferentes institucións nos XX Premios de Teatro María Casares

Este mércores o presidente da Asociación, Vicente Moehdano, asinou con Jacobo Sutil, director da AGADIC, o convenio de colaboración desta vixésima edición dos galardóns

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), como cada ano, busca a implicación das diferentes institucións e entidades para o apoio dos XX Premios de Teatro María Casares. Este mércores asinouse o convenio de colaboración coa Axencia Galega das industrias Culturais (Agadic). Os galardóns, que recoñecen o labor desenvolvido pola profesión teatral durante 2015, entregaranse no Teatro Rosalía Castro da Coruña o vindeiro 30 de marzo nunha gala que conducirá o Grupo Chévere.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente da AAAG, Vicente Mohedano, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a Xunta de Galicia contribúe á realización de diferentes actividades relacionadas coa convocatoria destes galardón e que terán o seu punto culminante na cerimonia durante o que se coñecerán os gañadores e gañadoras nas catorce categorías ás que optan outros tantos espectáculos, ademais de facerse entrega do Premio de Honra Marisa Soto á Revista Galega de Teatro. Os finalistas deste ano foron seleccionados entre un total de 38 espectáculos e máis de 300 profesionais que presentaron as súas candidaturas.

Dobre celebración

A celebración dos vinte anos de vida destes premios coincide, ademais, coa conmemoración do vixésimo aniversario do pasamento da actriz María Casares, que lle dá nome aos galardóns. Con tal motivo, a meirande parte das actividades paralelas vinculadas a esta convocatoria dedícanse a afondar na figura da que está considerada como a intérprete galega con maior proxección internacional.

No marco do mesmo programa de actividades, a Consellería de Cultura e Educación tamén apoia esta celebración a través do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), que o martes 29 de marzo acollerá unha sesión especial en homenaxe á intérprete coruñesa. José Luis Castro de Paz, historiador do cine; Sabela Hermida, actriz e autora dunha tese sobre María Casares; e Mabel Rivera, actriz e vicepresidenta da AAAG, participarán nun coloquio co público que moderará o xornalista Alberto Ramos e tras o que se proxectará o filme ‘Los niños del paraíso’, de Marcel Carné.