Volver

Arancha Estévez: "María Casares representa o mellor teatro do século XX"

Arancha Estévez, xornalista e autora, desenvolveu a primeira biografía de María Casares en Galicia. Trátase dun volume da colección Mulleres, d'A Nosa Terra, que abriu con dous libros dedicados a actriz e, o outro, a Maruxa Mallo.

Cales destacaría como os momentos máis relevantes na vida de María Casares? É dicir, que feitos a marcaron máis?

Ela narra nas súas memorias eses momentos, os puntos de inflexión na vida. A educación privilexiada, a infancia en Galicia, o exilio, a decisión de apostar polo teatro, a perda dos seres queridos nos anos 50 e 60, a conseguinte procura de raices, a propia escrita das súas memorias... Son feitos e momentos relevantes.

A nivel profesional creo que o encontro con Camus nos 40 -moiimportante tamén a nivel afectivo e persoal e, ademais, de beneficios mutuos-, con Cocteau no cine, con Jorge Lavelli nos sesenta en Arxentina, o rei Lear do 93 con Bernard Sobel...Por citar algúns grandes momentos no que era o seu mundo, o teatro.

María Casares falou en moitas ocasións de dous exilios o primeiro o que a leva de Galicia a Madrid e o segundo, o de Madrid a Francia. Asegura que lle doeu máis o primeiro que o segundo. En calquera caso, a pregunta é que importancia ten o exilio na súa vida? Como a determina?

Si,ela recorda e narra o traslado a Madrid con moita tristeza. Como se ese primeiro cambio servira de adestramento para tomar o camiño do exilio a Francia. Chega a Francia adolescente e nun tempo record vémola aspirando a papeis teatrais protagonistas en francés. Chama a atencion esa capacidade de adaptación. Nin sorte nin contactos poden explicar como alguén en cinco anos consegue o que consegue ela sendo forasteira. Non hai parálise nin lamentacións vanas polo que se deixa atrás, hai constancia, esforzo, pragmatismo e intelixencia.

A través do exilio chega ao teatro, o máis parecido a unha patria para ela. Dicía que unha vez que unha persoa ten que exiliarse, esa condición é para sempre. Ela agardou á morte de Franco para nacionalizarse en Francia. Durante máis de 40 anos foi unha residente privilexiada que non quería “renunciar” ao seu lugar de orixe mentres o ditador vivira. Unha militante do exilio. No seu caso unha militante do teatro como representación da vida.

E o estoupido da Guerra Civil? Quero dicir: seu pai era o xefe de goberno a quen lle estoupou na cara o golpe de estado e que tivo que dimitir, despreciado e vilipendiado, pouco despois. Todo iso como lle inflúe?

Conectando co anterior, ela non quixo a nacionalidade francesa até que morreu Franco. A súa é unha carreira sempre cara a diante pero esa vivencia como filla de Casares Quiroga vaina acompañar sempre. Como actriz, nun primeiro momento exercendo unha labor de representación do exilio en todo acto no que solicitaran a súa presenza. E durante toda a súa vida nos valores persoais e profesionais de defensa da liberdade consciente como era do seu exilio “privilexiado”.

Sobre Galicia, nas súas memorias, María Casares fai unha descrición de Galicia así como un pouco descarnada Aquí temos o fragmento extraído de Residente privilexiada, as súas memorias: Eu nacín neste curruncho da terra que vira as costas ao continente eque, non obstante, recibe os peregrinos de Compostela; na Coruña,vila peninsular que sinala o Atlántico [...]. Unha nena máis nestatribo bulideira, daquela de familias numerosas, ás veces de vintenenos; pero tamén de inocentes, de fadas errantes de vila e dealdea, respectadas, benqueridas, mesmo consideradas sagradas; demultitude de esmoleiros, de mancos, de cegos, de coxos, de tolleitos;de mulleres vellas ou novas a levar e traer atrás dela unhaverdadeira estela de rapaciños.[...] Terrasde paisanos iletrados, desconfiados, avarentos –disque-,reservados, arteiros, católicos e fondamente pagáns, traballadores,bébedos, sensuais e imaxinativos, íntimos da Santa Compaña, [...]escatolóxicos, incriblemente rexos e sans [...]. Non parece que Galicia saia moi ben parada dende o seu punto de vista. Malia todo, ao longo do libro, si fai unha descrición ambivalente entre esa visión descarnada e unha certa admiración rústica...

Si, nas memorias describe unha Galicia entre máxica e grotesca, pareceque con certa inspiración de Valle Inclán, autor ao que ela chega a coñecer de nena nos tempos ministeriais de Madrid. É unha visión un pouco de postal folclórica e que deixa entrever as forzas contrarias na relación de María con Galicia, por exemplo cando se refire a certa mezquindade ou certo carácter primitivo na xente. Unha muller que se gababa sempre da súa orixe coruñesa -un poster da cidade destacaba no seu despacho até a súa morte-, que asociaba o seu carácter forte e imaxinativo á terra na que nacera e, porén, nunca quixo poñerse en orde coa súa terra como lle confesou a Manolo Rivas pouco antes de morrer. Quería estar en desorde, había algo que non quería tocar, que quería deixar na súa memoria tal como permanecera.

Na colección Mulleres d’A Nosa Terra, encargouse vostede do volume dedicado a María Casares. Como foi o traballo de documentación para esa obra?

Aquela colección comezou con Maruxa Mallo e María Casares dúas mulleres potentísimas e bastante descoñecidas. A pretensión era simple: biografías tan rigorosas como divulgativas. En definitiva, biografías breves que presentaran a personaxe baseadas nas fontes de información máis destacadas. No caso de María Casares, traballo doado e afortunado: as súas memorias, gravacións radiofónicas, entrevistas, testemuñas -poucas- de xente con trato con ela pero algunhas tan fundamentais como a de Esther a súa sobriña... Viaxei a Francia para ambientarme e coñecer algúns dos seus escenarios vitais e profesionais e recoller documentación de Radio France moi valiosa para min grazas coa inestimable axuda do xornalista Ramón Chao.

Parécelle que en Galicia a súa figura resulta descoñecida? Entendo que dirá si, así que xa me adianto coa seguinte cuestión: Cales son os motivos dese descoñecemento?

María Casares é unha grande descoñecida como o son en xeral outras grandes personaxes do exilio ou coa vida marcada polo golpe do 36. Quizáis no seu caso é máis chamativo polo recoñecida que chegou a ser non só en Francia, senón no teatro en xeral. O silencio de décadas e o feito de que o teatro, aínda sendo o francés, non é popular. Quero dicir que se escollera o cine como primeira opción posiblemente sería máis coñecida. E é certo que moita xente curiosa, desa que le e procura información, chegou a ela a través da vida de Camus. É dicir, topou con ela pola súa relación amorosa con el e despois soubo da súa enorme traxectoria. Inclúome nese grupo. É unha marabilla descubrir unha personaxe tan fascinante, con ese enorme atractivo.

Como se pode ou debe paliar?

Ocórrenseme un millón de cousas pero non son ninguén para dar consellos sobre como recuperar a memoria de María Casares e de tantas mulleres e homes memorables, tan fascinantes como esquecidos. Que os premios de teatro de Galicia leven o seu nome non me parece pouca cousa. E estou case segura de que serían o gancho definitivo para que viñese á Coruña se a vida lle dese uns anos máis.

Que representa en Francia María Casares como actriz?

Representa o mellor teatro do século XX. Unha actriz de primeira liña. Cunha aposta decidida como actriz tráxica, con papeis clásicos memorables e cunha inmersión no teatro de vangarda até os seus últimos días. Louvada e querida pola crítica, é un actriz fundamental na historia do teatro francés. Un periódico como Liberation titulou, no seu falecemento, “o teatro morreu”. A hemeroteca é ilustrativa do grao de recoñecemento que aínda ten hoxe.

Foi merecedora de premios non só no teatro senón tamén no cine pese a abandonar a grande pantalla nos anos cincuenta e non volver a rodar até dúas décadas despois. Mellor actriz no Festival de Cine de Locarno en Suiza en 1949, nominada ao César en 1988 polo filme La Lectrice, premio Molière en 1989, Nacional de Teatro en 1990, etc. O mesmo ano que morreu representou a peza Lesœuvres complètes de Billy the Kid- ela faleceu en novembro de 1996 e a a obra estivo en cartel entre xaneiro e febreiro- e a crítica teatral non aforrou en eloxios, admirando a unha actriz que aos setenta e pico anos locía máis grande que nunca.