Volver

María Lopo: "María Casares forma parte da Galicia que nos foi negada"

María Lopo, investigadora ao redor da figura de María Casares e autora do libro 'Cartas do exilio', no que recolle a correspondencia entre a actriz e o seu pai Santiago Casares Quiroga. Falamos con ela sobre a vida e a traxectoria da intérprete que dá nome aos Premios de Teatro da AAAG.

Como investigadora da súa vida, se lle pido que defina a María Casares nunhas poucas palabras, que diría?

Forza, valentía, fidelidade, liberdade.

María Casares viviu dous exilios. O primeiro, ao marchar de Galicia a Madrid cando seu pai, Santiago Casares Quiroga, se converte en ministro da República e o segundo, a partir de novembro de 1936, tras a Guerra Civil. Que significa para a actriz o exilio?

Para a nena que descubre Madrid con oito anos e que, máis tarde, chega a París cando cumpre os catorce, os novos lugares son fonte de aventuras e de aprendizaxes estimulantes e urxentes: o Instituto-Escuela, o cinema, o teatro, a lingua francesa... así como motivo de ausencias sempre vivas nela: a familia, os amigos, a praia de Bastiagueiro, o universo da rúa Panaderas... Para a adulta que se desmaquilla fronte ao espello do seu camerino, o exilio é un compromiso histórico e persoal, ademais dun elemento fundacional da condición humana. María Casares elabora o seu pensamento propio dende as orixes e dende o exilio.

María Casares mantivo unha relación con Albert Camus. Como se influíron mutuamente?

De moitas e moi intensas maneiras. Os seus universos creativos modifícanse claramente despois do seu fundamental encontro de 1944. Así, por exemplo, Camus, máis centrado por entón na novela, retoma a escritura e a dirección teatrais, ao atopar unha intérprete ideal e unha inspiradora de personaxes fundamentais, como a Victoria de L'État de siège. Pola súa parte, María Casares terá en Camus un apoio solidario fundamental no seu compromiso humano cos refuxiados e un referente intelectual central na súa reflexión sobre a condición de exiliada.

María Casares amosouse sempre reticente a volver a España (fíxoo en contadas ocasións como cando representou El Adefesio) e, sobre todo, a Galicia. Por que?

O seu compromiso militante co exilio facía imposible este retorno baixo a ditadura. Posteriormente, María Casares realizou, como dis, varias viaxes profesionais a España, a primeira en 1976, para representar El adefesio, de Rafael Alberti, nun regreso cheo de sentimentos contrapostos. A xira desta obra debía traela xa a Galicia, mais as emocións eran moitas, a actriz enfermou e tivo que regresar a Francia. En canto a Galicia, eu penso que existe unha confluencia de factores. Dunha banda, a lealdade ás figuras da nai e do pai, e á memoria da familia, aínda non rehabilitadas aos seus ollos nin historicamente nin humanamente na Coruña e na Galicia da transición e da democracia. Doutra banda, o medo tan humano e tan íntimo de toda desterrada a non atopar o lugar do que fora expulsada corenta anos atrás, o paraíso perdido na infancia, o seu refuxio interior. A min gústame pensar que non tiña que regresar a Galicia porque sempre a levou nela.

María Casares e seu pai mantiñan unha estreita relación que quedou recollida na súa correspondencia, que se compilou no seu libro Cartas no exilio. Que significaba Santiago Casares Quiroga para a actriz?

Persoalmente, un exemplo de fortaleza, de lucidez e de bo humor. Historicamente, o representante dunha sociedade digna deseñada para a paz e que foi aniquilada pola indignidade da guerra.

Cre que María Casares é pouco coñecida en Galicia? Entendo que responderá que si, así que xa lle pregunto directamente polos motivos.

Podemos resumilos todos na palabra exilio, con todas as súas implicacións, das máis persoais ás máis políticas, pasando polas simplemente administrativas. Non se trata só de esquecemento, senón tamén de ocultación activa padecida durante demasiado tempo por este colectivo. María Casares forma parte da Galicia que nos foi negada. Por tanto, é importante nomear o admirable compromiso pioneiro coa súa figura por parte de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, así como a sólida corrente de admiración e traballo continuado do mundo teatral galego (penso, por exemplo, en Manuel Lourenzo e Casahamlet, ou en Ánxeles Cuña e Sarabela Teatro), sen esquecer a creación artística contemporánea, como a poesía de Claudio Rodríguez Fer ou a plástica de Sara Lamas.

E como se pode paliar ese descoñecemento?

Pois con accións como esta entrevista, por exemplo. A difusión é fundamental, a boa divulgación necesita unha esixente investigación, que en moitos casos abre a porta á mellor creación. Xa temos, entón, os elementos para unha boa representación, e merece a pena, porque coñecer a María Casares é unha viaxe enriquecedora e sorprendente, nunca deixa indiferente.

Que representa María Casares na escena francesa?

Unha gran renovación da linguaxe teatral, un nordés liberador na relación ao texto unido á máxima esixencia na dicción. Roland Barthes dixo que, enriba dun escenario, María Casares representaba a beleza dun movemento total. A actriz despréndese da distancia co texto característica da escola dramática francesa tradicional, mais conservando a primacía do mesmo, encarnando a palabra. Trátase dunha linguaxe teatral moi literaria e moi corporal, ela afirmaba que non podía ser “habitada” por un texto no que non cría, en consecuencia, o ensaio devén a miúdo máis importante que a propia estrea teatral. O máximo respecto á palabra esixe nela unha total liberdade na súa voz e nos seus músculos, e esta fusión é, ao meu ver, unha característica dos creadores que habitan o incerto espazo entre culturas.

Pódese considerar unha “musa” do existencialismo francés? Dígoo porque é unha definición habitual que se ve por aí e se cadra non lle fai xustiza...

Se entendemos “existencialismo” no seu sentido máis amplo, é dicir, como un termo que designa un momento histórico e non unha corrente de pensamento, poderiamos dicir que María Casares viviu e representou nesa época, foi musa máis tamén creadora na Francia que se conforma na saída da Segunda Guerra Mundial. Nun sentido estrito por suposto non.

Está a piques de sacar un novo libro sobre María Casares. Que se pode adiantar dese título (se é que se pode)? Algunha novidade ou feito descoñecido até o de momento?

O tempo das mareas aborda a vida da actriz dende unha óptica galega, precisamente nun intento de reintegrar a súa memoria á nosa. A investigación levada a cabo en arquivos institucionais e privados, principalmente en Francia e en España, permite achegar materiais e fotografías inéditas, como por exemplo, as últimas imaxes coñecidas de María Casares en Galicia no verán de 1935, mais tamén percorrer a traza galaica deixada por ela na creación artística francófona, especialmente en Albert Camus.