Volver

Asinado o III Convenio do Audiovisual estatal

Hoxe asinamos o III Convenio de Audiovisual, que regula as relacións laborais dos actores e actrices do sector audiovisual en todo o estado e que inclúe tamén o sector da publicidade.

Tras 2 anos de negociacións, ConArte (Confederación de Artistas do Estado, na que está integrada a AAAG), a Unión de Actores y Actrices madrileña, FSC-CCOO e FES-UGT fechamos o acordo con FAPAE (Federación de Asociaciones de Productores Audiovisuales Españoles), que se asina por un período de vixencia inicial de 3 anos.

Ademais da revisión e actualización da redacción, o III Convenio do sector Audiovisual contempla novidades como o estabelecemento da 4ª categoría laboral na contratación, a incorporación do grupo profesional de intérpretes de Danza ou a inclusión de forma expresa das obras audiovisuais de Publicidade no seu ámbito de aplicación. Para o ano 2016 o novo Convenio pacta unha suba das retribucións mínimas do 2,5%.

O texto será rexistrado nos vindeiros días e entrará en vigor o día 1º de xaneiro de 2016. A súa publicación no Boletín Oficial del Estado está prevista para as primeiras semanas do novo ano.

Actualizaremos as informacións e comunicaremos o texto final do Convenio unha vez for publicado.

Na foto, o momento da sinatura, que tivo lugar na sede de EGEDA en Ciudad de la Imagen, Madrid. Sentados, de esquerda á dereita: Chema García, da UGT; Iñaqui Guevara, da Unión de Actores y Actrices; e o noso presidente Vicente Mohedano, como responsábel da Secretaría de Acción Sindical de ConArte. De pé: Sara Mora, a nosa avogada en ConArte; Luis Ventín, da Unión de Actores e Actrices; Cristina Bermejo, de CCOO; Mabel Klimt, representante de FAPAE; e Ignacio Martín, avogado da Unión madrileña.