Volver

MANIFESTO GALEGO NO DÍA MUNDIAL DO TEATRO 2009

Etiquetas:

Gustavo Pernas foi o encargado de redactar e ler o Manifesto do Teatro no ano 2009

Hoxe a palabra teatro vale para todo. Todo cabe nesta palabra amuleto, pero para que abracadabra portas é preciso que o teatro deixe pouso, un aquel inefable, unha brasa imprevista. Os homes e as mulleres do teatro somos fillos dunha puta e un sacerdote, solemnes e bastardos, rituais e caóticos. Habitantes da fronteira. Viaxeiros a ningures.

Sempre a crise. O teatro é un espazo crítico. Depende do mercado pero non pode ser unha mera mercancía nas mans dos intermediarios. Precisa da xestión pero non pode ser un expediente máis nos andeis dos funcionarios. Traballa con papeis pero non pode afogar na burocracia.

Sempre a arte, non a industria. O teatro nace dunha creación colectiva, non dunha cadea de produtos en serie. Sempre a comunicación. A nosa lingua é un vehículo para comunicarse co público pero o teatro debe ser algo máis que o vehículo dunha lingua.

Sempre a provocación. O peliqueiro esgrime o látego e fai soar as súas chocas. O teatro é tradición e cultura pero non debe caer na tentación dos museos, nin na oferta dos mausoleos.

Sempre a emoción. O teatro pode satisfacer o intelecto do espectador pero non debe esquecer os seus instintos. É un termómetro das paixóns, a preparación para o clímax, un acto sexual. Non cabe a desculpa dunha mala noite co público.

Sempre o risco. Saltar ao vacío. No teatro o actor semella un trapecista sen rede, pero ten que haber algo máis que unha fermosa acrobacia. Un funambulista fai equilibrios na cuarta parede para que ti vexas que todo é posible. O teatro é un exorcismo contra o medo.

Sempre a axitación. O teatro é compromiso, nunca un acto de partido. Xogamos coa mentira para alumear a verdade. Mirar cara a fóra, mergullar nos sumidoiros, petar nos muros de Gaza ou nos suburbios das nosas vilas.

Sempre a carne. O teatro é un laboratorio de conflitos onde se ensaian vacinas contra a angustia de vivir. Dá a luz, dá vida. É o único espazo onde homes e mulleres paren e nacen outros do seu corpo.

Sempre o humor. A anarquía do humor. A ironía. O teatro é diversión pero é algo máis que unha restra de chistes. É un antídoto contra o aburrimento. Unha risa revolucionaria contra a mentira dos poderosos, contra a impostura dos templos.

Sempre a maxia, pero nunca o reino do truco. O teatro sérvese da tecnoloxía pero é algo máis que fogos de artificio. Ofrécese á mirada do espectador e enfróntase ao seu xuizo pero non é un concurso. É a nai de todos os espectáculos pero non debe competir con cada un dos seus fillos.

Sempre a poesía. Como dicía Artaud, o teatro, para ser necesario, ten que buscar no amor, no crime, na rebelión, na loucura, ese estado poético e transcendente da vida.

Sempre a acción. O teatro amosa que a realidade non é inmutable. Se actúas, cambia, todo cambia. Todo se transforma na escena coa ilusión de que poida mudar logo na rúa. O teatro é sempre alternativo, unha alternativa en cada praza, unha utopía. No noso país o teatro debe seguir aspirando a ser algo máis que un acto de resistencia. O teatro son puntos suspensivos, nada conclúe aquí e agora, na escena.

Compañeiras e compañeiros. Sempre o teatro. Viva o teatro!

Gustavo Pernas Cora