Volver

O convenio colectivo teatral: dez anos de negociación, seis de vixencia

A sinatura do Convenio Colectivo de Teatro, que foi publicado polo DOG en abril de 2009, culminaba un longo proceso de máis dunha década e daba resposta ás reivindicacións primixenias da AAAG: creábase ao fin un marco laboral para toda unha profesión.

“A sinatura do Primeiro Convenio de Actores e Actrices de teatro de Galicia é a expresión dun longo esforzo, a consecución dun importante obxectivo profesional para a normalización e consolidación da actividade teatral no noso país”. Con estas palabras, Vicente Montoto, presidente da AAAG en 2009, celebraba que o DOG recollese dende o 30 de abril dese mesmo exercicio o primeiro marco laboral recoñeci dolegalmente para a profesión no país. E Montoto escribíao nun artigo co elocuente título de A AAAG e o Convenio, dúas ferramentas imprescindibles, coque se abría a publicación promovida dende a Asociación parao frecerlles aos socios o texto íntegro do Convenio. Un Convenio para o teatro do que se comezou a falar,como lembra Xavier Estévez, membro da comisión negociadora en representación da AAAG, “xa a finais do século pasado”. “O convenio era unha vella aspiración. Foi difícil de conseguir.Comezamos Xavier Estévez e mais eu, despois quedou algo parado. Porque entrabas nun proceso de frustración. Tentábase facer, vías que non conseguías nada e deixábalo. As compañías sempre foron reticentes a asinar un convenio. O proceso foi así varias veces.Máis adiante retomouno Xavier con Rosa Álvarez”, engade Ernesto Chao.

Traballadores e empresarios

Foron preto de dez anos de negociacións, de conversas, de abandonar e retomar o proxecto até que se chegou ao acordo e a norma puido entraren vigor en 2009. Os motivos de tal demora achábanse nas propias particularidades da profesión en Galicia. Principalmente, no feito de que a fronteira entre empresarios e traballadores se movía en marxes máis que difusas. “Dende fóra, facer un convenio parecía sinxelo: que se xunten os traballadores cos sindicatos e as empresas e voilà, faise o convenio. Ese é o xeito, pero sucede que aquí moitos dos traballadores son empresarios, outros son socios ou ex ou futuros empresarios e case todos os empresarios son actores, actrices, directores ou directoras. Para facer teatro profesional o único xeito é ser empresario. Érano por obriga”, sinalaba Estévez -nesa publicación promovida pola AAAG na que se detallaba o texto- noutro artigo que, nesta ocasión, se titulaba Despois de dez anos. Tamén moi elocuente.

Con esa situación, as conversas resultaban difíciles. “En moitos casos, había unha dobre mentalidade. A de empresarios e a de traballadores. E por outra banda, precisabamos unha patronal. A nós, que viñamos do mundo das cooperativas e desa terminoloxía de roxos todos, dábanos vergonza falar da patronal. E realmente só se puido avanzar cando apareceu unha primeira asociación de compañías”,explica Rosa Álvarez. Non obstante, ese primeiro intento de asociacionismo na patronal non foi o suficientemente sólido e, como engade Álvarez, “só cando apareceu a actual Escena Galega se puido comezar en serio até asinar o convenio”.

Pola propia natureza do sector, no que os actores e actrices tamén eran empresarios, a AAAG xogou un papel importante na promoción e fundación desa primeira asociación de compañías. Non foi a única entidade que, dalgún xeito, agromou dende o seo da actual AAAG.“Durante moito tempo, a AAAG asumiu a representación de todos e todas no sector. A asociación comezou sendo a Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena”, recoñece Luma Gómez, socia número catro e unha das fundadores da AAAG. O seu ámbito de traballo incluía, dende os seus comezos coincidentes co nacemento da TVG, o sector audiovisual. Montoto non se trabuca: A AAAG era unha ferramenta imprescindible. Dende o primeiro alentar.

O antecedente audiovisual

No campo do teatro carecíase dun marco propio, mais no audiovisual dispúñase dun convenio colectivo xa vixente nos anos noventa en todo o estado. Non obstante, a súa aplicación en Galicia -por norma- brillaba pola súa ausencia. “Pagábanse actuacións por15.000 pesetas daquela, era ridículo e dende a Asociación reunímonos, cando cheguei á secretaría, coas produtoras para que se aplicase o convenio. Preparouse un plan de aplicación a tres anos vista”, sinala Xavier Estévez, quen fora secretario da AAAG durante os anos 1996 e 1997. “No teatro aínda non había nada e comezouse a falar a finais dese século. Houbo borradores, algún intento previo que impulsara Manuel Areoso, pero foise abandonando”,conclúe.

Así comezou unha década de negociacións, conversas, xuntanzas interminables ao longo dun proceso no que participaron, entre outros, Rosa Álvarez e Artur Trillo, que formaron tamén parte desa Comisión negociadora xunto a Estévez para acadar un documento esencial para a profesionalización teatral. Xa se explica no propio Preámbulo do texto: “Este Convenio nace da patente necesidade de contribuír á normalización do desenvolvemento do feito teatral en Galicia e dada a total ausencia de referentes válidos para a regularización laboral do sector”.

Recoñecementos

Grazas á aprobación do I Convenio Colectivo de Actores e Actrices de Teatro de Galicia, recoñeceuse por vez primeira unha serie de cuestións imprescindibles para o desenvolvemento laboral do teatro. Referímonos a cuestións básicas como a clasificación profesional, os tipos de contratación, a remuneración de ensaios ou a xornada laboral. Tamén ao réxime de traballo, ao réxime disciplinario ou ás remisións. E, por suposto, aos dereitos sindicais e ás táboas de retribucións. Todos acordos acadados polas partes implicadas, tanto as compañías e intérpretes como tamén a administración, representada principalmente polo Centro Dramático Galego como ente de contratación no sector. "E foi precisamente o CDG quen maiores atrancos puxo para aprobar o convenio", sentencia Rosa Álvarez

Con eses piares nacía un convenio que, no fondo, non lle valía a ningunha das partes. “ “E iso e o mellor que se pode dicir do convenio: que non contentou a ningunha das partes. Ese é un éxito, porque implica unha neutralidade clara”, sinala Xavier Estévez. Non por ser tópico deixa de ser verdade: na equidistancia reside a virtude.

Coa aprobación do convenio culminaba non só unha década de traballo, senón un traxecto importante nas reivindicacións marcadas pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia dende o seu nacemento en 1985. Daquela, a visibilidade era un dos obxectivo principais. Outro, conseguir un marco laboral, un punto de encontro para afianzar a profesionalidade. Co I Convenio dábase, polo menos,unha primeira resposta a todas aquelas reivindicacións. E agora, seis anos despois da súa aprobación, a Asociación está a traballar por actualizar ese convenio, por acadar un segundo convenio para o noso teatro.