Volver

A formación: dos primeiros cursos á ESAD

A xeración de intérpretes que impulsaron a creación da AAAG en 1985 caracterizábase polo seu autodidactismo. Para afianzar o oficio, a asociación impuslou dende os seus comezos os cursos de formación ao tempo que unha das súas primeiras reivindicacións foi a creación dunha escola superior.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) viviu a súa fundación en 1985 da man dunha xeración de intérpretes que compartían, entre outras moitas cuestións, unha sorte de autodidactismo propia daqueles que se fan a si mesmos. Aprenderon nas táboas, nos anos en que a escena pasou do teatro independente a unha etapa de profesionalización que principiou en 1978. Entre ese ano, no que as compañías Antroido e Troula estrearon as primeiras montaxes profesionais do país, e 1984, ano da creación do CDG, moitos intérpretes iniciaron as súas traxectorias profesionais. Non recibiran ensinanzas de grandes mestres nin acudiron a clases regulares nin contaban con títulos oficiais. Formáronse aos poucos, cos mecanismos propios de proba e erro. Moitos deles procedían doutros sectores, nos que pasaron varios anos traballando e combinando horarios de oficina co teatro antes de se decantar pola exclusividade na escena. Por ese motivo, cando en maio de 1985, a AAAG principiou a súa andaina, ademais de se preocupar pola visibilidade e os marcos laborais, centraron a súa actividade na formación.

Cubríase así un oco existente na profesión até ese momento. “Como eramos conscientes do noso autodidactismo, sabiamos que todos tiñamos moito que aprender. Por aquí, pola asociación,ou polos locais do Centro Dramático, pero grazas á Asociación, pasaron dende aquela, os mellores profesores. Para min, a formación naqueles primeiros pasos foi un dos grandes logros da asociación”,apunta Ernesto Chao. Así foi como, a AAAG dende os seus comezos tentou afianzar as técnicas dun oficio durante un traxecto acabado de emprender. “A formación da Asociación foi fundamental para o noso autodidactismo”, recalca Rosa Álvarez. Os primeiros cursos centráronse na expresión corporal e no uso da voz. E así foi, como en trinta anos de actividade, directores como Ernesto Caballero, José Sanchis Siniesterra ou Albert Boadella, directores de cásting como Eva Leira e Yolanda Serrano ou clowns como John Melville pasaron para a asociación para apuntalar a técnica do noso corpo actoral.

Nese traxecto entre o teatro independente e o profesional, un paso esencial veu dado pola creación do Centro Dramático, cuxa aparición en 1984 significou un cambio nas relacións entre compañías e profesionais. Xa non eran mundos independentes, nas que os intérpretes traballaban para as súas formacións e non existía relación laboral fóra do seu abeiro. Coa aparición do CDG, xurdía “o concepto de contratación”, tal e como lembra Eduardo Alonso, primeiro director da institución. Unha institución que,antes de iniciar a súa andaina, espertou certo debate sobre o momento e se non sería preciso transitar por outras sendas. “Había certo interese en todo o estado cando se creou o CDG. Mirábannos con lupa. A cuestión era a seguinte: que debía ser primeiro? Un centro de produción pública ou un centro de formación? Iso falouse máis fóra ca en Galicia. E nós apostamos polo primeiro, porque corriamos o risco de perder toda unha xeración de actores e actrices que, sen formación, podían quedar descolocados ou, sinxelamente, pasar a formar parte do profesorado dunha escola profesional. Iso pasou en Andalucía. Aquí non”, sinala Eduardo Alonso.

'Necesidade dunha Política Teatral'

Apostouse primeiro pola produción, mais dende a AAAG xamais se renunciou a creación dun centro público e oficial da formación. “Ese primeiro núcleo que comezamos profesionalmente foi o que con máis claridade viu a necesidade de establecer un primeiro programa de formación que nos afianzase nas cousas que iamos aprendendo a base de trabucarnos sobre un escenario. Comezamos a traballar e ningún albiscaba a necesidade dunha escola con tanta claridade coma nós. E esa foi unha das primeiras reivindicacións desta asociación: unha escola superior”, sinala Mabel Rivera.

Esa demanda manifestouse en repetidas ocasións e así quedou plasmada con meridiana claridade no documento Necesidade dunha Política Teatral, o chamado Libro Branco. Ese texto promoveuno a Asociación en 1990 e nel recollíanse os principais aspectos que, dende o punto de vista da profesión, deberían fornecer unha sorte de plan estratéxico para as artes escénicas.

Precisamente, un dos seus apartados centrábase na formación. “Dentro do deseño da política teatral que aquí se propón, contémplase a área deformación como un tema esencial e básico, tema ao que hai que lle dar urxente solución e unha resposta axeitada ás nosas necesidades e á nosa realidade”, denunciábase naquela proposta, na que se lembraba que os profesionais que exercían aprenderon o oficio na práctica diaria “sendo o autodidactismo”o gran mecanismo para a súa formación. Había que corrixir a situación para permitir que as novas xeracións puidesen acceder a unha formación axeitada e recoñecida, tanto no ámbito da interpretación coma nas diferentes especialidades artísticas, dende a dirección á ilumuniación, pasando polo son ou a escenografía. Para a AAAG, a cuestión da formación era unha prioridade, unha situación urxente para solucionar. Houbo que agardar case dez anos máis.

Anos despois da Necesidade dunha Política Teatral, o Consello da Cultura Galega -tal e como lembra no seu web a propia ESAD- publicaba en 1998 un estudo titulado Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, proxecto no que se desenvolvía unha proposta ao abeiro do disposto n alexislación vixente. A presentación daquel traballo remataba cun parágrafo de recoñecemento e agradecemento ás persoas que tiñan presentado proxectos similares con anterioridade.

A ESAD

No proceso de creación da Escola Superior de Arte Dramática, a AAAG participou de forma activa. “A Asociación manifestou en todo momento a súa posición. A creación dun centro de formación foi unha reivindicación cardinal e estivemos presentes no proceso de creación, sobre todo na parte inicial de preparación de borradores. Primeiro formamos parte da Ponencia de Artes Escénicas no Consello da Cultura Galega e tamén nos encontros e debates que se produciron ao redor da súa creación. Máis tarde formouse a necesaria comisión técnica”, lembra Cándido Pazó, presidente da AAAG entre 2004 e 2006 e un dos representantes da asociación durante o proceso de creación da Esad.

Deste xeito, a Asociación mantivo presente a visión da profesión na creación dunha institución que, durante moito tempo, significou unha reivindicación histórica. “Un dos aspectos que nos preocupaba era que a Escola, ao situarse en Vigo, puidese quedar desligada da profesión real. Nós apostabamos por Santiago, que era o centro de produción. Aí está a TVG, aí está o CDG. Ao final, por cuestións políticas, situouse en Vigo”, lembra Pazó que, malia todo, lembra que “agora xa está alí e permite que as novas xeracións non teñan que marchar a Madrid. Xa saben por onde comezar”.

A ESAD é unha realidade que tamén está de aniversario neste 2015. Cumpre a súa primeira década de vida dando resposta a unha reclamación histórica da profesión. “Ademais, xa deu froitos visibles. Falo de ilMaquinario, da Panadaría e doutros grupos que deron o salto e que xa están deixando pegada. Non quero ser inxusto non citándoos, pero son estes dous os que me veñen á cabeza”, conclúe Cándido Pazó.