Convoca ás organizacións pero él non se presenta
[caption]
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2010.- O pasado día 11, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia e Escena Galega, expuxemos en rolda de prensa, á que asistiron un importante número de profesionais, o noso rexeitamento a ilegal rebaixa dos orzamentos das Artes Escénicas en 190.000 euros. A Consellería de Cultura e a AGADIC rompían con esta decisión os acordos os que se chegara co sector a finais do 2009.
Os profesionais da escena pedimos publicamente a anulación inmediata dese recorte disfrazado cunhas absurdas “correccións de erros”, así como a dimisión dos responsables, Conselleiro de Cultura e Director de AGADIC.
Ás poucas horas, recibimos a invitación do Conselleiro para manter unha reunión, que nós non lle pedimos, fixada por el para o día 14. Asistimos a reunión, pero para a nosa sorpresa, o Conselleiro non se presentou.
Reiterámoslle ó Director de AGADIC, quen manifestou que non estaban dispostos a dar marcha atrás na súa decisión, a nosa esixencia de que tanto el como o Conselleiro de Cultura deben presentar a súa dimisión.
Con esta actitude da Consellería de Cultura son ducias de traballadores do sector que quedarán sen traballo, ó tempo que se enterra a cultura do diálogo e o acordo entre a Administración e o sector, do que a ausencia do Conselleiro na reunión por el convocada representa unha actitude de desprezo de graves consecuencias.
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2010.
Escena Galega
Asociación de Actores e Actrices de Galicia