Volver

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle os ensaios da gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces acudiron esta mañá ao Pazo da Cultura para visitar os ensaios da gala dos María Casares, que este ano dirixe Carlos Álvarez-Ossorio

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto á concelleira de Cultura, Carmen Fouces, acudiron esta mañá ao Pazo da Cultura para visitar o proceso de ensaios da gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares que este ano dirixe o director, actor e dramaturgo Carlos Álvarez-Ossorio. Durante o encontro desta mañá, o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Xosé Barato, e os vogais da Xunta Directiva, María Ángeles Iglesias e Xosé Esperante, agradecéronlles ao rexedor e á concelleira a colaboración do Concello para que o Pazo da Cultura de Pontevedra acolla o primeiro tramo de ensaios da gala, que se celebrará o vindeiro 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Como cada ano, o recinto coruñés acollerá a fase final dos ensaios a semana que vén.

Neste 2022, ano no que se conmemora o centenario de María Casares, a gala achegarase á figura de actriz e trazará sobre o escenario un percorrido pola súa traxectoria vital e artística. Con ese obxectivo, Álvarez-Ossorio contará cun elenco conformado integramente por mulleres que se encargarán de poñerlles voz ás palabras da propia Casares, xa que o espectáculo recollerá fragmentos das súas memorias.

Deste xeito, na cerimonia de entrega dos premios de teatro actuarán as actrices Marián Bañobre, Nerea Brey, Sheyla Fariña, Rosa Puga Davila, Marta Pérez e Mónica de Nut. A música ao vivo correrá a cargo de Proxecto X, un conxunto de recoñecidos músicos que son firmes valores da nova xeración do jazz. A formación está integrada pola guitarra de Virxilio da Silva, o baixo de Paco Charlín, a batería de Diogo Silva e a voz da propia De Nut. Por outra banda, Violeta Martínez Rivera encargarase do deseño de iluminación e mais do espazo escénico, Marián Bañobre será a vestiarista e Rubén Porto é o axudante de dirección.

A gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia co apoio de institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña ou a Fundación AISGE, celebrarase o xoves 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro da cidade herculina. Un total de 14 espectáculos competirán en calidade de finalista nas diferentes categorías nas que se dividen os premios e o actor e director Fernando Dacosta lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Ademais, Lino Braxe será homenaxeado postumamente ao concedérselle o Premio de Honra Marisa Soto.

Espectáculos finalistas

Un total de 14 espectáculos son finalistas en algunha das catorce categorías nas que se dividen os galardóns. Cigarreiras, obra de Contraproducións e Teatro Romea, e Othello, de Voadora, contan con 8 finalistas cada unha. A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, aspira a facerse con 7 galardóns, mentres que Terceiro acto, obra do Centro Dramático Galego (CDG) opta a 6. Pola súa banda, Quixote, de Pedras de Cartón; Comando comadres, de Matrioshka Teatro, e O Charco de Ulises, do (CDG), rexistran dous finalistas. Cun finalista atópanse os seguintes espectáculos: Serba me serbavo te, do CDG; Hugo, dos Náufragos Teatro; Cubo, de Elefante Elegante; A parábola do angazo, de Talía Teatro; Morgana en Esemelle, de Sarabela Teatro; Soga e Cinsa, de Aporía Escénica, e A Cazola de Lola, de Tanxarina