Volver

Leo Sousa asina o cartel dos XXVI Premios de Teatro María Casares

A gala de entrega celebrarase o vindeiro 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A relación de finalistas deste 2022 darase a coñecer o vindeiro mércores 27 de abril durante a tradicional Festa de Finalistas que terá lugar na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia

Leo Sousa encárgase da creación do cartel dos XXVI Premios de Teatro María Casares. A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos galardóns, confiou este ano no ilustrador Leo Sousa para crear a imaxe dos María Casares, dando así continuidade a iniciativa principiada en 2017 de encargar o deseño dos carteis a diferentes artistas co obxectivo de estreitar relacións entre o sector escénico e mais o ámbito da ilustración, a banda deseñada e o deseño gráfico. Deste xeito, en convocatorias anteriores asinaron o cartel dos galardóns nomes como da talla de Andrea López, David Rubín, Xulia Vicente ou Aldara Prado.

Leo Sousa (Ourense, 1990) é un artista gráfico e deseñador. O seu traballo enfócase principalmente cara á comunicación cultural. Neste eido, desenvolve encargas de ilustración editorial para medios nacionais e internacionais como Tank Magazine, Luzes, El Salto ou Adbusters. Deseña identidades gráficas para iniciativas culturais como a do WOS Festival e cartaces e portadas de discos para bandas coma Familia Caamagno ou Bala. Actualmente está poñendo en marcha xunto con outros profesionais o estudio creativo TERMINAL.

Para o cartel dos María Casares 2022, Leo Sousa apostou por desenvolver unha decidida aposta pola estética pop. “Xoguei con cores primaras moi vivas e mesturei dúas técnicas artísticas diferentes: o debuxos e o collage. Ademais, de pano de fondo subxace unha inspiración na cartelería do teatro e mais do cine dos anos corenta”, explica o propio Leo Sousa, quen admite que usou a figura de María Casares neste seu centenario remarcando tanto “a súa potencia” coma “a súa rotunda elegancia”.

Festa de Finalistas

Os espectáculos e profesionais finalistas dos XXVI Premios de Teatro María Casares daranse a coñecer o vindeiro mércores, 27 de abril, durante a tradicional Festa de Finalistas que este ano volverá celebrarase en Santiago, na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. A gala de entrega terá lugar o xoves 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os Premios María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende a súa posta en marcha en 1997 e conta cada ano coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE ou Gadisa.