Volver

MANIFESTO GALEGO NO DÍA MUNDIAL DO TEATRO 2002

Etiquetas:

Dorotea Bárcena leu na gala dos Premios de Teatro María Casares 2002 o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro

A primeira vez que vin aquelas caras, un riseiro e outra tristeira, foi nun cine do meu barrio, o cinema Ronsel, eu tiña seis anos e estaba prisioneira daqueles acenos de escaiola, un tristeiro e outro riseiro, que fitaban para min coas súas concas sen ollos e aquelas facianas sen cabeza. Máis tarde cheguei á conclusión de que era unha especie de salvoconduto para disfrazarse aínda que non estivésemos no entroido. Despois, miña nai tentou explicarme o misterio do teatro, pero eu tardei algún tempo en comprender que non era unha patente de corso para andar de mascariña todo o ano, que era o que me gustaba facer a min.

Un par de anos máis tarde, chegaron ao meu barrio unha xente que se chamaban así mesmos cómicos e anunciaban unha representación para as nove da noite. A miña excitación só era comparable coa miña curiosidade. Así que estiven todo o día pegada a aquela xente vendo como construían o estaríbel e facían enganches nos postes da luz. Dende as seis da tarde xa estaba eu sentada na miña pequena cadeira na primeira fila agardando o comezo da representación. Segundo nos achegabamos á hora sinalada, os veciños acudían cos seus bancos, banquetas ou cadeiras baixo o brazo e íanse colocando diante do estaríbel dispostos a ser espectadores daquela Xenobeba de Brabante que comezaba ás nove da noite. Logo, no meu cuarto, antes de ir durmir, fun Xenobeba de Brabante diante do espello do armario, que era de corpo enteiro.

Dende aquel día todos os espellos me servían para verme convertida en milleiros de personaxes fantásticos que logo habitarían os escenarios dos teatros que formaban parte da miña vida. Sempre pensei que Alicia e eu tiñamos moito en común, ambas servímonos dos espellos para entrar no país das marabillas.

Levo corenta anos formando parte dese universo que se chama teatro e pouco nos diferenciamos daqueles cómicos da miña infancia, como eles, temos que construír o estaríbel en cada representación e seguimos enganchando na toma de luz tamén en cada representación. Hai vinte un era novo e era feliz itinerando con tanto traballo porque pensaba que estaba loitando para que as cousas cambiaran e que o teatro, que está indisolublemente unido ao ser humano, tivese acadado o seu sitio e fose unha actividade normalizada. Aínda non é así, aínda terán que seguir loitando as novas xeracións para chegar á normalización. Máis os habitantes deste universo seguiremos atravesando os espellos para seguir formando parte deste planeta chamado teatro.

Así, un ano máis, os teatreiros celebramos o día que está dedicado a nós coa esperanza estreada, agardando que no próximo ano, a nosa actividade, o noso traballo, estea por fin normalizado.

Veciños, parentes espectadores, preparádevos para dar cabida na nosa vida á maxia. O telón érguese paseniño. A luz vai inundando a escena e ante os vosos asombrados ollos, OS CÓMICOS!!!