Volver

Xosé Manuel Olveira "Pico"

Nado en Esteiro (Muros), terra de mariñeiros, Pico preferiu subir a un escenario antes ca un barco. A súa traxectoria artística comezou nos anos setenta, cando á profesionalización do teatro aínda lle quedaba moito traballo por diante para ser unha realidade. O seu vínculo coa escena principiou no ano 1972, no seo de Ditea. Até mediados dos oitenta, Pico participou en quince montaxes da agrupación. A partir de 1985, comezou a traballar con asiduidade no Centro Dramático Galego. Ese ano formou parte do elenco d’A noite vai coma un río, obra de Cunqueiro dirixida por Xúlio Lago. Dende aquela, converteuse nun dos intérpretes que máis traballou na unidade de teatro público ao participar en máis de vinte das súas producións. Nos espectáculos A lagarada, A piragua, O ano da cometa, Ricardo III ou Noite de Reis, Pico amosounos algúns dos seus mellores traballos. Unha das súas últimas interpretacións no CDG chegou en 2010, ano no que por fin se representaba a obra As actas escuras, de Vidal Bolaño. Outro dos seus papeis máis lembrados regalóullelo aos espectadores en O Bufón de El Rei, no que encarnaba o protagonista da peza teatral escrita por Vicente Risco.

Á marxe do teatro institucional, Pico actuou dende 1987 para compañías profesionais como O Moucho Clerc, Kukas Produccións, Teatro do Aquí, Producións Máximas, Lagarta, Lagarta ou Teatro de Adro. Entre os directores cos que traballou, destacan Xan Cepudo, Quico Cadaval, Marcelino de Santiago, Vidal Boloño ou Cándido Pazó.

Polas súas incursións teatrais, Pico colleitou un total de catro María Casares, tres deles como protagonista: Se o vello Sinbad volvese ás illas (2002), Binomio de Newton (2993) e Kafka e a boneca viaxeira (2012). Os pPemios da Crítica de Galicia tamén recoñeceron a súa carreira artística en 2012 no ámbito das Artes Escénicas.

Para o público televisivo, Pico converteuse nun dos actores máis coñecidos pola súa participación en series como Mareas Vivas e Pratos Combinados. Tamén o seu traballo noutros programas como Air Galicia e en ficcións como Padre Casares ou Un mundo de historias fixeron que fosen un rostro ben coñecido. No cine, participou en máis dunha vintena de películas, entre as que podemos destacar Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989), El Rey del Río (Gutiérrez Aragón, 1998), A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda, 1999), Mar Adentro (Alejandro Amenábar, 2004) ou Retornos (Luis Avilés, 2010). Pico faleceu en 2013, deixando un gran oco na escena do país e grandes lembranzas, tanto para a profesión como para o público.

XVIII Edición | 2014

Premio de honra