Volver

Dorotea Bárcena

Nacida en Oviedo en 1944, Dorotea Bárcena é actriz e directora teatral. Diplomouse en Maxisterio e exerceu a docencia en Vigo até que abandonou este oficio para dedicarse por enteiro á escena. En 1970 creou, xunto con Xúlio Lago, o grupo Esperpento, formación moi activa no incipiente teatro galego. Nesta agrupación dirixiu as súas primeiras montaxes: As bicicletas, (1972) e A orxía (1973). Como actriz, formou parte dos elencos de propostas como Os opositores, O vendedor de peixe ou O home que se converteu en can. Participou naquela época na dirección das Xornadas de Teatro que Esperpento desenvolveu en Vigo.

En 1985, a compañía Teatro do Atlántico principiou a súa andaina profesional coa montaxe Xoana, cuxo texto pertencía a Manuel Lourenzo e a dirección recaía en Xúlio Lago. Dorotea Bárcena participa como actriz desta produción.Dorotea estreouse co Centro Dramático Galego na súa segunda produción, o Agasallo de sombras dirixido por Vidal Bolaño en 1984. Catro anos despois, a directora encárgase da montaxe Follas Novas da institución pública. Trátase dunha peza propia adaptada a partir da obra de Rosalía de Castro. Nese mesmo ano, convértese na primeira muller en dirixir a unidade de teatro público.

Como actriz participou nun gran número de montaxes teatrais. Con Vidal Bolaño como director repetiría no CDG en 1999, cando o dramaturgo se encargou da adaptación da monumental Xelmírez ou a Gloria de Compostela, un texto de Daniel Cortezón levado a escena durante o Xacobeo 99. Bárcena formou parte dun amplo elenco, conformado por preto de trinta artistas.

En 1987, Dorotea Bárcena creou a compañía Teatro da Lúa, coa que desenvolveu as funcións de dramaturga, actriz e directora. Entre as montaxes da formación atópanse producións como Sigrid era só unha moneca rota, A Irmandade do Graal, Ultimamente non durmo nada ou As troianas. Traballou con outras compañías en obras como Kvetch, de Teatro do Morcego, ou Un cranio furado, de Producións Excéntricas.

No ámbito audiovisual, Bárcena traballou en diversas películas e series. No cine, destacan as súas participación en pezas como Divinas palabras ou Lobos de Arga. Para o público da TVG, Dorotea Bárcena resulta moi coñecida pola súas interpretacións en programas como O show dos Tonechos ou series como Escoba!

X Edición | 2006

Premio de honra