Volver

Luis Álvarez Pousa

Xornalista e escritor, Luís Álvarez Pousa (Vila de Rei, Transmirás, 1948) foi unha peza clave no proceso de normalización do teatro a través da súas iniciativas políticas, desenvolvidas durante a súa andaina como director xeral de Cultura entre 1983 e 1985. Durante ese período, promoveu actuacións dinamizadoras no eido da cultural e impulsou tanto a fundación do Centro Dramático Galego como a creación do Arquivo da Imaxe.

Álvarez Pousa licenciouse en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e doutorouse en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerceu como xornalista en La Voz de Galicia durante máis de vinte anos. Foi o primeiro cronista político nos anos da Transición da cabeceira, na que foi o responsable de crear e dirixir o seu primeiro suplemento de Cultura. A comezos dos noventa, Álvarez Pousa deixou o xornal para se incorporar ao grupo de profesores que puxo en marcha a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, da que é profesor titular e na que imparte as materias relacionadas co Xornalismo Especializado. No seu labor xornalístico, Pousa tamén lanzou diferentes iniciativas e publicacións, destacando a creación das revistas Teima e Tempos Novos, que dirixe a día de hoxe. Na Televisión de Galicia, Álvarez Pousa tamén deixou a súa pegada ao dirixir e presentar programas como Encontros (1986), o primeiro debate do ente público galego, ou Extramuros.

Como activista cultural, Pousa organizou e dirixiu as históricas Xornadas do Cine en Ourense a comezos dos anos setenta. Como poeta ten publicado con Xistral un único título, Os cas da vida. No eido do ensaio, tense centrado na análise da comunicación na nosa contorna . Deste xeito, publicou os títulos Prensa ameazada. Desde a transición ao fraguismo e A identidade fronte á rede. O reto mediático de Galicia na Sociedade da Información (Xerais, 1999). Por este título, o autor recibiu o Premio da Crítica de Ensaio e Pensamento 2000.

Álvarez Pousa chegou á dirección xeral de Cultura da man de Vázquez Portomeñe, cargo doque dimitiría tras case dous anos de intensa actividade. Pousa, dende o seu posto, presentou un plan para marcar a política cultural do goberno Albor. Entre outros moitos asuntos, recollíase nesa folla de ruta a creación do Centro Dramático Galego e, no fondo, engarzaba nunha estratexia as reivindicacións dos profesionais do sector teatral dende os tempos da Agrupación Cultural Abrente.

IX Edición | 2005

Premio de honra