Volver

Lino Braxe

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) outorga o Premio de Honra Marisa Soto a título póstumo a Lino Braxe, unha figura poliédrica da nosa escena en particular e da nosa cultura en xeral que deixou ao longo da súa ampla carreira unha fonda pegada en varias xeracións da profesión teatral. O seu traballo incluíu diferentes vertentes do oficio escénico, xa que Lino Braxe cultivou a interpretación, a dirección, a escrita, a adaptación, o teatro radiofónico ou o teatro de base. Ademais, o xenio creativo do actor falecido a finais de 2020 estendeuse á poesía, sendo un dos integrantes do coñecido colectivo De amor e Desamor, á narrativa, á pintura, á dobraxe, ao audiovisual, a música e ás ondas ao traballar como locutor en RNE durante máis dunha década. Nesta emisora, exerceu de adaptador da obra dramática de autores galegos como Blanco Amor ou Cunqueiro.

Con este galardón, a AAAG quere recoñecer a traxectoria e celebrar a vida dun autor multidiscipinar, un artista todoterreo cuxo compromiso coa cultura sempre foi un estandarte dende as diferentes frontes nas que militou. Lino Braxe foi membro do grupo de persoas que a mediados dos noventa impulsou os Premios de Teatro María Casares. Foi el quen se encargou de contactar en varias ocasións para que a actriz afincada en Francia cedese finalmente o seu nome aos galardóns do noso teatro, que neste 2022 -ano en que se conmemora o centenario da intérprete- alcanza a súa 26ª edición.

A AAAG concede por segunda vez o Premio de Honra Marisa Soto a título póstumo, algo que só aconteceu previamente en 2014 cando o homenaxeado foi Xosé Manuel Olveira Pico. Con esta decisión excepcional, sublíñase o afecto da profesión e cólmanse peticións que xurdiron dende o corpo asociativo da AAAG. O premio será entregado o vindeiro 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro da Coruña durante a gala dos PremiosMaría Casares que, organizados pola AAAG, conta co apoio de entidades e institucións como a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña ou a Fundación AISGE.

Perfil

Lino Braxe (Mugardos, 1962 – A Coruña, 2020) iniciou a súa carreira escénica profesional na Compañía Luís Seoane. Ao longo da súa traxectoria, traballou con compañías como Malbarate, Ancora Producións, Encuadre Producións, Teatro do Noroeste, Teatro Maltés, Librescena, Lagarta Lagarta, Bucanero ou Sarabela. Artista polifacético, exerceu en diferentes montaxes multitude de oficios. Neste senso podemos destacar a súa interpretación en obras como Cyrano de Bergerac ou Otelo (Librescena) e Viaxe a ningunha parte (Sarabela), a creación de textos dramáticos en espectáculos como Campo sur (Teatro do Noroeste), a dirección en Hamlet (RTA-ROSP Coruña) e Fobias (Lagarta Lagarta) ou a adaptación en Ministros pola cara (Encuadre Produccións). Por todos estes traballos, Braxe foi finalistas aos Premios María Casares nas correspondentes categorías. No Centro Dramático Galego, participou en diversas montaxes. Polo seu paso pola institución de teatro público, destacan a súa participación no elenco de obras como Un refaixo para Celestina, Viaxe e fin de Don Frontán, Hostia, Lísistrata, A cacatúa verde ou Como en Irlanda. O seu compromiso escénico tamén incluía unha forte vinculación co teatro amador e co teatro de base, xa que durante anos e até o seu pasamento foi director do grupo teatral da histórica Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Na súa faceta interpretativa, Lino Braxe tamén pasou polo audiovisual ao participar en series como Pratos combinados, Galicia Express, A vida por diante ou Rías Baixas. No cine, adaptou o proxecto de Luis Buñuel da A noiva de media noite (Antonio Simón, 1997) a partir dun guión previo non filmado de Rubia Barcia) e participou como actor na fita.

Braxe, quen tamén estivo vinculado a Radio Nacional como locutor durante moitos anos e cofundou cabeceiras como Luzes de Galicia, cultivou unha ampla produción literaria. Publicou así obras narrativas como A memória perdida (Vía Lactea, 1990) ou A cor do ceo (Xerais, 1990). Na súa faceta como dramaturgo, lanzou os títulos A actriz (Cadernos da Escola Dramática Galega, 1991) ou A promesa (Ediciós do Castro, 1993). Na poesía, asinou obras como Banquete (Sotelo Blanco, 1990), Entre Ruínas (Espiral Maior, 1996), O sangue dos árabes (Xerais, 1999) ou Alaridos (Deputación da Coruña, 2006). Braxe estaba vinculado a De Amor e Desamor, colectivo agromado na Coruña a mediados dos anos oitenta no que se enmarcaban os poetas Lois Pereiro, Fernán Vello, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Mato Fondo ou Xulio Valcárcel. No apartado musical, implicouse en proxectos como A Caricia da Serpe, xunto a Miguel Ladrón de Guevara, Xosé Luis Saqués e Rómulo Sanjurjo

FOTO: Eduardo Castro Bal

XXVI Edición | 2022

Premio de honra