Volver

Vicente Montoto

Nacido en Untes (Ourense) en 1943, Vicente Montoto é un todoterreo no mundo do teatro. Intérprete, director e dramaturgo, é un dos referentes do teatro en Galicia, ao que viu medrar dende unha situación de práctica invisibilidade até a profesionalización e consolidación do sector. Un sector que Montoto defendeu tanto dende os escenarios coma dende o punto de vista das condicións laborais, xa que formou parte desa primeira xeración de profesionais pioneiros que asentou as bases do teatro profesional e desenvolveu un importante labor sindical ao ocupar distintas responsabilidades, como a secretaría xeral do Sindicato Galego do Espectáculo de Comisións Obreiras ou a presidencia da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

O seu primeiro traballo profesional na escena conseguiuno aos 16 anos na obra El octavo día, coa Compañía de Delia Garcés e Enrique Fava, dirixida por Jorge Petraglia. A obra estreouse en 1959 en Bos Aires, a onde Montoto emigrara como tantos outros galegos da súa xeración e onde se formaría como intérprete na Escola de Arte Dramática de Boyce Díaz Ulloque primeiro e no Instituto de Teatro da Universidade de Bos Aires despois.

En Galicia, o seu traballo teatral -como actor, director e autor- estivo especialmente vencellado á compañía Uvegá Teatro, formación coa que estreou textos propios como Trínguilin Trángala (1988), Fedra Gómez (1989), Volve o cabaré (1992), Pa (1996), Zocos -escrita xunto a Manuel Lourenzo- (1999) ou Pallasos (2004), gran parte delas dirixidas por el e das que formou parte do elenco como actor. En Uvegá, ademais, adaptou textos como A casa dos espíritos, de Isabel Allende, ou O retrato de Dorian Grai, de Oscar Wilde, e dirixiu montaxes de autores como Vidal Bolaño, do que levou a escena Cochos en 1988.

Vicente Montoto traballou con outras moitas compañías como actor. Con Caritel actuou en obras como Isto non é serio, señores, Ollo ó piollo, King Kong e Historias de Taparratá. Con Teatro do Atlántico participou en Liberdade Bremana e con Teatro do Aquí, compañía que dirixía Vidal Bolaño, formou parte do elenco da histórica Saxo Tenor.

A pegada do intérprete tamén se deixou notar ao longo das décadas no Centro Dramático Galego. Na unidade de teatro público, Montoto traballou en máis dunha ducia de montaxes. Entre elas, destacan A Pousadeira, O mozo que chegou de lonxe, A Lagarada, Hostia, O Incerto Señor don Hamlet e Xelmírez ou a gloria de Compostela.

XIX Edición | 2015

Premio de honra