Volver

Luma Gómez

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia concédelle o Premio de Honra Marisa Soto a Luma Gómez en recoñecemento a unha traxectoria exemplar e ao seu compromiso co desenvolvemento do teatro galego.

Con este galardón, recoñecemos e festexamos unha vida adicada ao teatro e ao compromiso de loita para acadar dereitos e recoñecementos tan necesarios na nosa profesión.

Luma é, antes de nada unha compañeira, mais cabe destacar as súas catro décadas adicadas ao teatro, confundou varias compañías teatrais, implicouse activamente na consolidación das estruturas culturais do país, incluída esta Asociación, na que nunca deixou de participar de xeito activo; aínda leva o número 4 no seu carné de socia. Unha compañeira que brilla con luz propia, que día a día foi poñendo o seu gran de area para avanzar na loita sindical, no feminismo e sempre, no noso idioma, tanto dentro como fóra dos escenarios.

Compañeira, con este premio queremos recoñecerte como unha figura esencial das artes escénicas de Galicia, cun labor que resulta imprescindible para comprender a evolución e consolidación do noso sistema teatral.

LUMA GÓMEZ

Nada en Ferrol en 1951, Luma Gómez iniciouse moi nova no teatro da man da compañía amadora Teatro Estudio, participando en 1969 na montaxe Los suplicantes, experiencia que marcou o inicio da súa vocación escénica. Pouco despois trasladouse a Madrid, onde cofundou a compañía Teatro Zoo (1971-1977), e integrouse no movemento do teatro independente, participando tamén en iniciativas clave como a creación da ATIP ou a comisión que impulsou a Seguridade Social do Réxime de Artistas.

En 1977 regresou a Galicia nun momento decisivo para a profesionalización do sector. Participou nos primeiros pasos do teatro galego contemporáneo e, en 1979, fundou xunto a Eduardo Alonso a compañía Teatro Andrómena. Xa nos anos oitenta, implicouse activamente na consolidación das estruturas culturais do país: formou parte do espectáculo fundacional do Centro Dramático Galego, Woyzeck (1984), e foi uhha das socias fundadoras da AAAG (1985).

En 1987, Gómez fundou con Eduardo Alonso Teatro do Noroeste, unha das compañías de referencia do panorama galego, coa que levou á escena máis de corenta montaxes. Entre os seus primeiros traballos destacan Medea (1987), Galicia S.L. (1988) e Rei Lear (1989), configurando unha traxectoria artística sólida, diversa e comprometida.

Ao longo de máis de catro décadas de carreira, Luma Gómez destacou non só pola súa calidade interpretativa, senón tamén polo seu firme compromiso co tecido profesional e asociativo, contribuíndo de maneira decisiva á construción e dignificación do teatro galego.

30ª Edición | 2026

Premio de honra