A Asociación
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que actúa como organismo autoxestor e autónomo agrupando os actores, actrices, directores e directoras de Galicia
A AAAG
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), creada no ano 1985, é unha entidade sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia que actúa como organismo autoxestor e autónomo que agrupa os actores e as actrices de Galicia, así como os directores e directoras teatrais. Estatutos
Ten a súa sede en Santiago de Compostela e desenvolve as súas actividades principalmente no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. A AAAG está integrada, ademais, na Confederación de Artistas-Trabajadores del Espectáculo (ConArte).
A Asociación está representada por unha Xunta Directiva elixida por un período de dous anos entre os membros da AAAG, tras votación en asemblea.
A actividade da Asociación susténtase principalmente en base ás cotas aboadas polos socios e socias, e tamén por axudas, legados, subvencións de organismos oficiais, entidades públicas ou privadas e persoas individuais.
Neste momento, formamos parte da Asociación un total de 330 persoas aproximadamente.
Que facemos?
- Agrupar actores e actrices e profesionais da dirección teatral para a defensa dos nosos intereses profesionais.
- Asesorar os asociados e asociadas - incluíndo a xestión mediante as accións xurídicas necesarias - en todas aquelas cuestións de traballo cooperativo social, fiscal, sobre a propia imaxe ou calquera outra cuestión relacionada coa profesión. Sempre que apareceren cuestións de orde laboral, ben individuais ou colectivas, a AAAG poderá actuar coordinadamente coas centrais sindicais de clase.
- Promover medios e iniciativas que faciliten a captación de traballo.
- Exercer a representación do colectivo de actores e actrices na redacción, sinatura e defensa dos Convenios Colectivos sectoriais.
- Organización de ciclos de Lecturas Dramatizadas.
- Organización dos Premios de Teatro María Casares que cada ano serven de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral.
- Organización de Obradoiros de formación con vantaxes para os nosos socios e socias.
- Organización de Xornadas de Teatro e Xornadas do Audiovisual.
Os nosos servizos
- Edición e difusión do Catálogo de Actores e Actrices en soporte dixital e de actualización permanente de acceso a través deste web. Distribúese e difúndese entre produtoras, dirección de casting e compañías de teatro.
- Organización de cursos, seminarios, etc… a prezo reducido para asociados/as, con docentes de recoñecido prestixio nos diferentes ámbitos da profesión.
- Información puntual para os asociados e as asociadas sobre convocatorias de cursos, castings, bolsas, axudas ou subvencións.
- Descontos para asociados e asociadas en diferentes empresas.
- Local de reunións con WI-FI previa solicitude
- Acceso ao fondo bibliográfico da Asociación.