
As patronais maioritarias PATE e AECine tombaron esta mañá a actualización salarial no convenio colectivo de Actores e Actrices, o que supón un adiamento máis, de xeito inxusto, ao incremento salarial en 2024 conforme á suba do IPC, establecida nun 3,1%.
Nunha nova xuntanza no Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA), celebrada hoxe, 13 de maio, os sindicatos Unión de Actores y Actrices, Conarte, CCOO e UGT reuníronse coas asociacións empresariais do sector audiovisual (cine, televisión e publicidade), nun segundo encontro que prorrogaba a negociación iniciada o pasado 29 de abril e que ficou en suspenso tras a última proposta realizada polos mediadores do SIMA.
A citada proposta establecía a suba do IPC para o ano 2024 -un 3,1%- e un límite para incrementos salariais en vindeiros anos entre o 1 e o 3,85%, que se deberían aboar nas nóminas do mes seguinte á publicación do IPC.
Na xuntanza de hoxe, as asociacións empresariais PIAF, PROA, PROFILM e APCP sumáronse ao acordo, pero ao non dispor de maioría suficiente este foi rexeitado. As dúas patronais maioritarias, PATE e AECine, que agrupan a maioría das empresas españolas que producen para as grandes plataformas, mantiveron a posición de bloqueo e boicot á suba do IPC do ano pasado.
Esta incomprensible posición ten como efecto inmediato a conxelación dos salarios máis baixos, os daquelas persoas traballadoras que cobran por convenio, e foi tomada polas empresas con maior facturación e que máis axudas reciben.
O segundo efecto inmediato desta inxustificada decisión é o bloqueo da negociación do IV Convenio do sector, un convenio que debería afrontar os cambios producidos no cine, na televisión e na publicidade dos últimos 10 anos e permitir poñer o noso país na vangarda da produción, unha oportunidade que deixan caer de maneira completamente irresponsable.
As produtoras, unha vez máis, parecen esquecer que o éxito que acompaña as súas producións só é posible co talento e mais o esforzo dos centos de persoas traballadoras, técnicas e artísticas, que fan realidade as series e películas que ano tras ano triunfan en cines, plataformas e festivais.
Por todo o exposto, de maneira inmediata, a parte social en conxunto prepara os seguintes pasos para o conflito colectivo. Ante o resultado decepcionante das negociacións e coa mente posta en futuras acciones, facemos un chamamento á nosa afiliación para que secunde as posibles mobilizacións que poidamos acordar nas próximas semanas.