Volver

MANIFESTO GALEGO DO DÍA INTERNACIONAL DO TEATRO 2012

Etiquetas:

Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, encargouse de ler o Manifesto.

Directivos e membros da Asociación de Actores e Actrices de Galicia! Amigas e amigos!

Quixera, antes de nada, amosarvos o meu agradecemento e o da Academia Galega non só por sermos convocados e convidados a asistir a este grande acontecemento da nosa cultura nacional, senón por vós existirdes, por vós serdes activos e creativos nos nobres empeños, un dos cales, e importantísimo, é a posta en escena desta gala grande do noso teatro que a proclamación dos Premios María Casares é. Os máis vellos, se cadra, lembran os días afastados nos que, en voz baixa,

sentiamos dicir que en Francia brillaba unha estrela, no teatro e no cine, e que tal estrela era filla de Casares Quiroga. Un día soubemos, polos corredores secretos da información, que María Casares fora coa Comedie Française a Buenos Aires e alí agasallada por Dieste, por Luís Seoane, por Blanco Amor e outros demócratas e patriotas exiliados. Ela confesou que a noite da estrea, polo medio das músicas acentuais do verso alexandrino francés, nunha traxedia de Racine, o acento galego sobrevoóuselle desde a cripta máis fonda da reminiscencia e aflorou alí, diante dun público moi nutrido no que había nutrida presenza de galegos saudosos e republicanos.

Eu lembro agora aquela María Casarès (así se escribía e pronunciaba o seu apelido en París) asociada ao anovamento teatral e cinematográfico da posguerra mundial. Nalgún filme de vangarda de Jean Cocteau aparecía María, como de sorpresa, e nós viamos na pantalla o rostro de todo aquilo que os españois e os galegos perderamos. Celebrei no seu día, de forma entusiástica, que os vosos premios levasen o nome de María Casares, o rostro e a voz da Liberdade en días nos cales nós estabamos aferrollados. E congratúlome agora de que, ano tras ano, os María Casares se perpetúan en, e espero que sigan no futuro cando todos nós esteamos mortos pero a lingua galega non Mil premios María Casares máis para o teatro galego- digamos imitando a Cunqueiro-. E digo isto porque o teatro é unha actividades salvadora sempre, para a liberdade humana e, moi concretamente, unha dimensión da literatura e da cultura que moito, moito, moito ten contribuído a tirar a nosa lingua da miseria e do desprezo e colocala no sitio que lle pertence. A dignificación do idioma é algo ao que contribuístes con potencia formidábel todos os homes e mulleres do teatro de Galicia. Por iso eu quero darlles a todos e a todas unha aperta de gratitude infinita neste teatro que, por parte, leva o nome de Rosalía de Castro, quen, entre outras cousas que aquí ninguén ignora, tamén foi actriz.

Lembremos que este teatro acolleu representacións en galego que resultaron memorábeis e decisivas na nosa historia cultural. Amigas e amigos, todos os xéneros literarios clásicos, a excepción do dramático poden prescindir da voz no acto da comunicación. Ao converterse esa literatura en escrita, a súa difusión pode ser silenciosa. O teatro, xamais. Non hai teatro para ler. Só hai teatro cando homes e mulleres que chamamos actores e actrices enuncian oralmente as palabras destinadas á representación. Sei que hai mimo, pero o mimo puro é excepcional. O teatro é literatura oral ou non é. E aínda máis (o monólogo é tamén a excepción) a literatura dramática está fundamentada no diálogo e sempre no diálogo. Acoutamentos, voces en off, e outros recursos poden entrar na representación alén das actividades do ensaio. A representación teatral é necesariamente un diálogo de voces vivas que os actores e actrices (naturalmente en movemento) emiten. E o destinatario, o receptor da obra teatral, ten que estar necesariamente alí, a unha hora fixada, atento á escena e deixándose arrastrar pola traxedia até os abismos do terror e das paixóns primixenias ou da comedia para explodir na dimensión fáustica do humor e o riso. Na raíz do fenómeno teatral encóntrase a comunicación directa entre seres humanos, o que converte o teatro en algo necesario. E en sagrado.

Algo ten o teatro que nos entusiasma, como dicían os gregos referíndose nada menos que aos seus deuses. Arrebátanos, ilumínanos, fai que riamos, coñezamos e choremos, que odiemos e que amemos. Grazas ás mulleres e aos homes do teatro galego, aos de todas as disciplinas e especialidades por esta celebración en días duros e difíciles. E digo isto, porque o teatro en xeral e o teatro galego en particular non é un sector mercantil destinado a producir lucros neutros e capitalistas. É unha actividade do espírito e un dos esteos sobre o que descansa a cultura xenuína.

Os estados están obrigados a protexer e dotar de recursos os teatros nacionais como están obrigados a manter un sistema nacional de educación. Esta obriga, que non pode estar sometida á lóxica dos recortes, atinxe de pleno e no centro

das súas responsabilidades á Xunta de Galicia que en modo ningún pode deixar abandonado nin desprotexido o noso teatro.

X. L. Méndez Ferrín