Volver

Clara Gayo reivindica a escena como arte que “inclúe a diferenza, que evidencia a inxustiza e que acariña a nosa humanidade” no Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) fai público o ‘Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro’, que cada ano encarga a unha persoa de recoñecido prestixio dentro da cultura do noso país para conmemorar o 27 de marzo

Clara Gayo únese á longa lista de redactores/as do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, na que se inclúen sinaturas tan destacadas como son as de Aldao &Lado, Evaristo Calvo, Imma António, Fernando DaCosta, María Xosé Queizán ou Méndez Ferrín

A actriz, dramaturga e directora Clara Gayo asina neste 2023 o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. O seu texto reivindica o teatro como arte que “inclúe a diferenza, que evidencia a inxustiza e acariña a nosa humanidade”. Gayo sinala que a escena “debe habitar no límite do precipicio”, ao tempo que enxalza o labor dos/as profesionais do teatro para despois animar a toda a profesión a continuar co seus traballo “Sexamos a voz do inaudible. Sexamos o corpo do que desaparece. Sexamos o reflexo do que se transforma. Sexamos a acción do inamovible”, sentenza Gayo no Manifesto antes de engadir unha última petición: “Continuemos inaccesible ao desalento”.

Clara Gayo clarifica coa súa redacción as intención deste seu texto. “Este quere ser o Manifesto do agradecemento, da xenerosidade, da consciencia, da revisión. O Manifesto do desapercibido, do contraditorio, diso que é pequeno e anecdótico, diso que é humilde e sorprendentemente amador. O Manifesto dun Teatro libre, presente, aberto”, escribe Gayo antes de concluír cunha última consigna escénica. Unha consigna coa que pide de forma colectiva por “Un teatro que fai o que sempre fixo: Acompañar, cuestionar, revelar, padecer. Un teatro do ser”.

Clara Gayo súmase co seu texto á longa lista de persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos da escena, do xornalismo cultural e da literatura que cada ano, a petición da AAAG, asinan o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Esta listaxe inclúe, entre outros moitos, os nomes de Evaristo Calvo, María Xosé Queizán, Xurxo Borrazás, Montse Dopico, Camilo Franco, Aldao&Lado, Carlos Santiago ou Imma António.

Clara Gayo lerá o Manifesto na gala de entrega dos Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o vindeiro 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Un total de 15 espectáculos compiten polos 16 galardóns en que se divide os María Casares, certame organizado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración e patrocinio de entidades e institucións como a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE e Gadis.

Perfil biográfico de Clara Gayo

Clara Gayo (Vigo, 1971) é actriz, dramaturga e directora. A súa formación escénica principiou na Escola de Teatro Danza Espazo Aberto e co curso de Especialización en Arte Dramática da Universidade de Santiago de Compostela. Ao longo dos anos, traballou en compañías como Chévere (foi asidua das Ultranoites) ou Berrobambán, co Centro Dramático Galego e en espectáculos de produción propia. No eido audiovisual, Gayo realizou pequenas incursións en series (Escoba ou O Faro), curtas (Bilingüe e Conciencias tranquilas) ou en filmes (Arenal, a visitadora de cárceres).

Nos últimos anos exerceu como directora con formacións como Pista Catro (Paxaros no Cabo, 2022) ou Mofa&Befa en Pirolíticos, espectáculo con textos de Lucía Aldao e María Lado co que o dúo composto por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira celebrou o seu 30º aniversario. Dende 2002, Gayo dirixe e escribe para a compañía de teatro amador FarandOleiras Cabaré.

Malia o seu perfil polifacético, Gayo cultiva con maior asiduidade a escrita dramática. Neste ámbito, publicou textos como Movidas e Razóns de peso con Estaleiro Editora, Agorafobia: parálise sobre o medo con Redenasa ou Prohibido sufrir na Erregueté. En 2015, gañou o Premio do Xurado no IX Premio Teatro Radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega con Evasión. Fai parte xunto a Carlos Santiago e Zé Paredes do colectivo G.O.D Favia Antonia (Grupo Oportunista de Drama) dende 2017. Froito deste experimento de escrita a tres mans xurdiron Acto de hixiene (2017), Poetas suicidas (2018) e Á mesa! (2019).

MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2023

Celebramos unha nova volta ao Sol do Teatro Galego. E aquí estamos, con todos e cada un dos días sobrevividos prendidos no corpo...

Que sorte.

Deixamos atrás os rastros das nosas creacións, pensando xa nas que están por vir, á espreita de calquera idea acubillada na anécdota... Calquera persoa, en calquera parte, pode ser ese detonante que buscamos, esa historia que finalmente narraremos. Ou, quizais, prefiramos indagar no extenso legado de historias xa escritas que constitúen o noso patrimonio e que agardan, pacientes, a seren encarnadas e revividas. Ou, quizais, decidamos non contar ningunha historia, senón ofrecer unha reflexión, ou a relación dun corpo co espazo, coa luz, co son. Simplemente. Parece tan fácil... O Teatro permite tantos códigos como artistas acolle, só ten unha condición: Alguén expresa e alguén recibe.

Ver para crer. Crer para crear.

Contemplar a perpetua convulsión da Humanidade, e convulsionar con ela. Apañar sen descanso cada desexo, cada necesidade, cada transformación. Poñer terra por medio, terra inzada de semente que nos axude a superar a intranscendencia e defender un escenario da axitación. Tanto ten a historia que queiramos contar, tanto dá como escollamos contala, tanto dan as estéticas e as teorías escénicas, ningunha é máis verdadeira ca outra. Son opcións. Propostas. Intentos. Xa.

O Teatro debe habitar no límite do precipicio e aceptar o risco dun clamoroso fracaso que, non obstante, mereza sempre a oportunidade de volver fracasar. Sigamos buscando, expoñéndonos e opoñéndonos, abrazando e reclamando. Fagamos algo... E o contrario.

Sabemos que a nosa miseria non é diferente da miseria común, ofrezámola, pois, sen pudor, coa consciencia desesperada de que cada función puidera ser a derradeira. Sen agochar que en cada segundo creado para un escenario, en cada acción, en cada palabra, en cada pausa, en cada silencio, está o presente que vivimos, e facemos parte dese presente no que nos fascina, pero tamén no que nos repugna. Sexamos a voz do inaudible. Sexamos o corpo do que desaparece. Sexamos o reflexo do que se transforma. Sexamos a acción do inamovible. Acompañemos este noso mundo no seu drama e na súa comedia... Continuemos inaccesibles ao desalento.

Fagamos sitio.

Este quere ser o Manifesto do agradecemento, da xenerosidade, da consciencia, da revisión. O Manifesto do desapercibido, do contraditorio, diso que é pequeno e anecdótico, diso que é humilde e sorprendentemente amador. O Manifesto dun Teatro libre, presente, aberto. Un Teatro que acolle e que se esforza, que comprende e que compadece, que baila, que anima o inanimado, que conmove e que nunca deixa de aprender. Un Teatro que proclama, que describe, que incomoda ou que se fai querer. Un Teatro que inclúe a diferenza, que evidencia a inxustiza e que acariña a nosa humanidade. Un Teatro que sinala, que se atreve, que contravén as tendencias do mercado porque se empeña en non ser produto.

Un Teatro, por fin, que fai o que sempre fixo: Acompañar, cuestionar, revelar, padecer...

Un Teatro do Ser.

Clara Gayo

Santiago de Compostela. Marzo de 2023