Volver

Manuel Lourenzo

Figura clave do teatro, Manuel Lourenzo (Ferreira de Valadouro, 1943) representa un dos grandes referentes das artes escénicas pola súa ampla produción como dramaturgo, polo seu recoñecido traballo na dirección e interpretación e por ser impulsor de grandes iniciativas culturais a prol do teatro.

Lourenzo cursou estudos de maxisterio e, entre 1962 e 1964, residiu en Alemaña Ao regresar en 1965, funda na Coruña –xunto a Francisco Pillado–, o Grupo de Teatro O Facho, vencellado á histórica Agrupación Cultural O Facho. O nacemento desta formación marca o principio do teatro independente no noso país. Sería só a primeira agrupación que fundase Manuel Lourenzo nos albores dun teatro que camiñaba xa cara á profesionalización. Nesa liña, en 1967 pon en marcha o Grupo de Teatro Circo. En 1978 crea, xunto a Pillado, a Escola Dramática Galega e codirixe os Cadernos da Escola Dramática Galega. Un ano despois, o equipo conformado por Lourenzo e Pillado, publica O Teatro Galego, libro pioneiro e de referencia no estudo dramático. Non sería a última colaboración de calado entre Lourenzo e Pillado, xa que ambos os dous autores lanzan en 1981 a editorial Castrodouro e, catorce anos despois, publicarían a colección Cardenos de Teatro. Implicado na formación e no estudo teatral, Manuel Lourenzo impulsou o Clube de Teatro Elsinor en 1995 e en 1998 creou, xunto a Santiago Fernández, a escola teatral Casahamlet.

A súa obra creativa abrangue máis de 150 textos, sendo o autor máis prolífico da escena galega. A súa primeira obra chegou en 1969: Tres irmáns parvas. A partir dese momento, a súa pluma non parou. Entre as súas obras, podemos destacar títulos como Crónicas do sol de inverno, As criadas, Xoana, Electra, O xardín dos Contos, A lexión somnámbula, Insomnes, Nocturnos, As dunas ou Medea dos fuxidos e outras pezas. Con Veladas indecentes, publicada en 1996, Manuel Lourenzo recibiu unha das súas grandes distincións da súa carreira, o Premio Nacional de Literatura Dramática. Tal recoñecemento inclúese nunha longa lista de galardóns, entre os que destacan o Premio Abrente (1978), o Premio de Teatro Rafael Dieste (1996 por Magnetismo e 1999, por Últimas faíscas de setembro), o Pedrón de Ouro (2001), o Premio Maruxa Villanueva (2004), o Premio Nacional de Artes Escénicas (2008) ou o Premio Álvaro Cunqueiro (2009 por Flores de Dunsinane).

Ademais do seu inmenso traballo escénico, Lourenzo tamén destaca polas súas incursións en diversos xéneros literarios. Como poeta, publicou o libro Santuário (distinguido co Premio Cidade de Vigo). Atreveuse coa narrativa da man do libro O hóspede Escandinavo (Espiral Maior, 201) e coa literatura infantoxuvenil, co texto Teatro para nenos (Ediciós do Castro, 1982). Como ensaísta, publicou obras de reflexións teórica sobre o teatro. Tacholas (Ediciós do Castro, 1975), O teatro infantil galego (1978, Cadernos da Escola Dramática Galega) ou Pensar co corpo (Deputación da Coruña, 2001) son mostras desta vertente ensaística.

II Edición | 1998

Premio de honra