Presentación (por Rosa Moledo)
Un idioma, sexa cal sexa, é unha ferramenta fundamental para aquelas persoas que traballan subidas nun escenario ou diante dunha cámara. E eu pregunto: estáselle dando a importancia que merece ao galego como esa ferramenta esencial? O público identifícase coa lingua que escoita cando vai ver unha obra de teatro ou prende o televisor? Haberá quen si, pero xa vos digo eu que hai quen non tamén. O que pretendo é que nos reunamos e que analicemos de onde parte esa mala praxe, o camiño que percorre e os resultados que se obteñen. A miña intención é que sexan unhas sesións maioritariamente prácticas coa achega de exemplos reais que fun recompilando.
Partiremos da escrita para chegarmos á fala e ímonos centrar, evidentemente, na prosodia. Gustaríame que este curso fose un intercambio de preguntas, dúbidas e respostas que nos levasen a unha aprendizaxe máis profunda sobre a situación do galego nos escenarios e nos platós.
Neste obradoiro analizaremos a situación para saber onde estamos e o camiño que temos por diante. Despois desta análise, as xornadas serán enteiramente prácticas. Traballaremos con textos teatrais, guións cinematográficos etc. Haberá que falar, gravarse e escoitarse. Todo o que fagamos vai estar centrado na competencia lingüística e, sobre todo, na prosodia.
Rosa Moledo
Rosa Moledo é especialista en tradución audiovisual, ten no seu haber numerosos traballos tanto para televisión como para cine, entre os que se poden citar:
Fisterra, Sei quen es, A lingua das bolboretas, Lena, Os luns ao sol, O misterio Galíndez, 13 Badaladas, O lapis do carpinteiro, O ano da carracha, Abrígate, Agallas, Conexións, Cela 211, Engurras, O sexo dos anxos, A árbore magnética, Somos xente honrada, Os fenómenos ou O noso último verán en Escocia.
Tamén é asesora e supervisora lingüística en numerosas sesións de dobraxe para televisión e cine, así como na rodaxe de diversos programas de entretemento e series televisivas, como é o caso de Mareas vivas e Fariña.
Datas e duración:
Venres 3, 10,e 17, e sábados 11 e 18 de decembro de 2021. Horario: venres de 16h a 21h., sábados de 10h a 15h. (25 horas)
Lugar:
Sala Off da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Monte Gaiás s/n. https://goo.gl/maps/ruv26CyXxEvboaTr6
Prazas e selección do alumnado:
Este obradoiro ten 15 prazas. A admisión realizarase por orde de inscrición.
Prezo:
Socixs da AAAG e /ou AISGE: 65 euros
Se levas en paro 6 meses o traballaches 10 días ou menos nese tempo, tes unha redución do 50% no prezo. Terás que presentar a tarxeta do paro selada ou copia da vida laboral para acceder a este desconto. Este desconto é exclusivamente para asociadxs.
Non socixs: 95 euros
Inscrición:
Dende o 16 ata o 29 de novembro a través do formulario que figura na parte superior desta páxina
Se es socix da AAAG, só tes que iniciar sesión na páxina e premer “inscribirme” no formulario. O taller aparecerá no apartado “inscricións” do teu espazo privado.
Reserva de praza e forma de pago
Confirmarase a dispoñibilidade de prazas no momento da inscrición. De haber máis solicitudes que prazas se constituirá unha lista de agarda.
Na mesma comunicación de admisión indicarase a forma e datas de pago. No caso de que algunha das persoas admitidas non efectúe o pago nas datas sinaladas, a súa praza será adxudicada á seguinte persoa na lista.
De non ter solicitudes suficientes, a organización poderá suspender a realización do taller.