Queridas compañeiras (compañeiros incluídos),
A finais da semana pasada recibín, a través dun departamento de comunicación, a proposta de ser a imaxe dun anuncio de produtos bancarios, concretamente hipotecas, para ser emitido por televisión (supoño que sería de ámbito autonómico, non cheguei a averigualo). A primera noticia chegoume precisamente a través da AAAG, a quen agradezo a discreción de non lles facilitar os meus datos; por este motivo sei que tamén están intentando contactar con outras actrices/actores para facerlles a mesma (ou similar) proposta. Finalmente localizáronme por algún outro conducto e fixéronme chegar a proposta por teléfono; eu chameinos de volta porque prefería rexeitala directamente para poder explicar que non quero participar en nada que teña que ver con bancos e hipotecas, e moito menos servir de 'gancho' para animar ninguén a que subscriba produtos desas características. Teño que dicir, por certo, que a amable señora que me atendeu entendeu perfectamente as miñas razóns, e aínda por encima agradeceume a sinceridade.
Esta proposición non deixaría de ser unha máis das que nos poidan chegar a calquera de nós, por suposto salvando as distancias de que as cantidades que se manexan en publicidade están a anos luz das cada vez máis rácanas retribucións polas que temos que pelexar na nosa actividade máis habitual (teatro, cine, televisión); nun 'pis-pas', como quen dí, pódeste embolsar unha pasta gansa. A chamada chegoume o mesmo día en que unha familia (unha máis) era expulsada da súa vivenda por non poder asumir o pago da hipoteca. Outra familia posta na rúa ('executar o lanzamento' seica lle chaman no argot) con criaturas, vellos e enfermos incluídos, e aquí non pasa nada. Descoñezo as cifras exactas deste novo horror, pero calculo que cos cartos que a mín me ofreceron por facerse propaganda, esa familia podería continuar na súa casa durante bastantes meses.
Moitas gracias pola atención e unha aperta grande,
Mabel Rivera, socia da AAAG.
22 de setembro de 2014