Volver

Falemos

Líbrenos deus de cuestionar o dereito de cada quen a facer da súa vida un pandeiro.

Falemos de diñeiro.

En España, ademais de Madrid - onde se concentran a grande maioría das emisoras - as comunidades que destacan na produción de ficción audiovisual son Cataluña, Euskadi e Galicia (aínda hoxe). Non sei, chamádenos ignorantes, mais vai resultar que o tema das linguas vai ter algo a ver co tema.

O facto de que nun territorio se desenvolva ao longo dos séculos unha lingua diferenciada non parece unha frivolidade: indica claramente a existencia dunha cultura particular, dun xeito de interpretar, valorar e encarar a existencia que enriquece (ou iso esperamos) a diversidade cultural da humanidade. E precisamente esa cosmovisión particular provoca por defecto unha necesidade de crear contidos que a expresen e a comuniquen.

Señores, señoras... tocounos vivir aquí. É o que hai. Neste espazo cultural e político que mantén nome e identidade desde antes de que comezásemos a numerar os séculos.

Vamos supor que, procurando ben, encontramos en nós un certo amor e respeito pola diversidade cultural do planeta. Procurando ben. Vamos supor que ademais descobrimos un certo amor e respeito minimamente especial pola cultura que dá nome a cada pedaciño deste territorio (xa non falamos dun patriotismo exacerbado tipo USA, ou do profundo agradecimento aos antepasados da cultura xaponesa; falamos dun mínimo, un mínimo. Un mínimo!). Ben, pois a este mínimo amor e respeito pola cultura e a lingua de Galicia, como actores e actrices que precisan comer a diario debemos acrescentar naturalmente o interese corporativo.

Os dados son simples e están aí.

Se alguén quer, por certo, aventurar o sentido dos intereses corporativos do entramado madrileño con relación á cultura galega, adiante: aí as opcións son múltiples e o medo e a imaxinación son libres. Mais no noso caso a opción entendemos que é diáfana e obvia.

E procedamos a pontificar.

Líbrenos deus de cuestionar o dereito de cada quen a facer da súa vida un pandeiro. E libre-nos de paso de cuestionar a lexitimidade, a dignidade, a satisfacción de falarmos a lingua española. Non é diso que estamos falando. Mais cando descobres que nos corredores da RTVG* valora-se máis falar español do que galego; cando descobres que xente que se dedica ao teatro infantil fala aos seus fillos exclusivamente en español; cando descobres que na ESAD ou nas Facultades de Comunicación Audiovisual a lingua vai na gabeta dos Temas Polémicos; en definitiva, cando descobres que os profesionais con evidente beneficio corporativo no idioma galego non mostran nin un mínimo de coidado, de pracer, de interese por el, pola sua normalidade, polos seus falantes, pola sua viçosa dimensão internacional, polas súas tripas, pola súa literatura... O que nos queda? Botas contas e conclúes logo que con total liberdade e elegante equidistancia estamos pedindo A BERROS fechar o negocio.

Y lo cerramos ¿eh?

Falamos!

Directiva AAAG

(*) A RTVG, coas súas programacións espanta-audiencias e o seu target envenenado, dan para un capítulo aparte. E seguimos falando corporativamente, de traballo, de diñeiro, de profesión.