Boas noite e benvidas aos XXII Premios María Casares. Benvidas, compañeiras actrices, iluminadoras, escenógrafas. Benvidas, directoras, dramaturgas, figurinistas. Benvidas tamén maquilladoras, programadoras e, por suposto, benvidas queridas espectadoras.
Hoxe diríxome a todas vós empregando esta miña voz con pronuncia dun feminino tan plural coma universal. Se as miñas palabras levan esta sonoridade non é, ou non só é, por amosarme reivindicativa nin para sortear o machismo na linguaxe. E moito menos por incomodar. Pero se así é, só direi unha cousa: Non o sinto. Non o sentimos. E, probablemente, non debería perder o tempo en emendarlle o incomodo a ninguén. Malia todo, direi que, se alguén se incomoda, talvez sexa porque está a ver a metade da humanidade non ao seu carón, senón enfronte. Pídolle que, se a súa visión é a das trincheiras, que deserte cara ao que considerou até agora o bando contrario. Atopará que todo foi incomodo, inxustiza, asoballamento e un silencio que nos enxordeceu dende que o mundo é mundo e gañou ese afán por non parar de xirar coma se tal cousa.
Esta noite, falo en feminino universal para celebrar o teatro e celebrarnos a nós. Celebramos o presente da nosa escena cuns María Casares que contan coa colaboración do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia a través da Agadic, da Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, da Fundación AISGE, da Fundación SGAE, da Televisión de Galicia, Producciones EMSAC e Gadis. Esta noite festexamos, grazas a súa colaboración, o noso presente, mais tamén a nosa historia.
E para falarmos dos corenta anos de teatro profesional en Galicia que cumprimos neste 2018, cómpre tamén o feminino universal. Porque xa nos tempos de Antroido, de Troula, de Artello, nós estabamos alí, por moito que durante décadas se aplaudiu a pioneirOS impulsorES, precursorES, fundadorES. Estaba Rosa Álvarez, a quen hoxe lle entregaremos o Premio de Honra Marisa Soto, a quen é cofundadorA desta Asociación, a quen ostenta o número 1 de socia, a quen foi a nosa presidenta. Unha das tres mulleres que presidiron en 33 anos de historia a AAAG. Eu teño a honra de ser a terceira. Unha honra, mais tamén direi que é un convite para a reflexión.
Como dicía, nós xa estabamos onte. Por suposto, tamén estamos hoxe e, perdan coidado, estaremos mañá. Mais ese mañá ha ser ben diferente ao que vivimos. Ha ser un mañá cunha sociedade de plena igualdade real e sen violencias machistas pola que apostamos e que defendemos dende a Asociación, constituída por profesionais do sector, mais tamén por cidadanía concienciada que procura a erradicación tanto do asoballamento machista coma do silencio invisibilizador
Ha ser un mañá no que se venza todo cerco á liberdade de expresión, no que se erradique a criminalización das palabras e no que non sexa necesario recorrer ao almanaque para defender un pregón, unha obra de arte, un libro, unha montaxe teatral. Porque ao falarmos dos dereitos referentes ao pensamento e a expresión, antóllase irrelevante que sexa Entroido, xoves ou verán. Non ha de haber máis ttitiriteiros en prisión preventiva, nin o rap irá ao carcere, nin 140 caracteres serán motivo de causa xudicial. Tampouco haberá presos políticos.
Moito aconteceu en corenta anos para que poidamos falar dese mañá. No noso sector, vivimos a posta en marcha de compañías pioneiras que abriron camiños e vivimos o nacemento case da man da Asociación e dun Centro Dramático Galego que xurdiu dun pacto entre a administración e a profesión. Un pacto que debe reeditarse para que o CDG de mañá non sexa o de hoxe. Ha ser un CDG no que nos identifiquemos tanto a profesión coma o público, no que a selección de elencos non acapare atencións, no que a produción propia non se reduza a un só espectáculo por temporada con dez intérpretes sobre o escenario, no que a produción propia sexa real e verdadeiramente propia. Nós traballamos por ese obxectivo, con vontade e confiamos na vontade de todas as partes.
En verdade, moito aconteceu nestes 40 anos. Cousas que nos encheron de satisfacción, outras que nos frustraron e algunhas que nos entristeceron. Nestes corenta anos, moitas compañeiras, que formaron e seguirán a formar parte desta gran familia, deixáronnos. Hoxe, como cada ano, lembrarémolas e neste punto quero recordar o noso compañeiro Mateo González, a quen non esquecemos como non esquecemos a quen marchou, pero segue con nós.
E despídome xa, porque o mundo prosegue con ese afán de xirar coma se tal cousa. Malia que o pasado 8 de marzo paramos todas e con nós, o mundo: o planeta empéñase en levarnos a contraria e non frea na súa ansia de pivotar nin arredor de si nin arredor do sol. Aínda así, a marcha é distinta. Está a mudar o seu paso e o seu ritmo. Notádelo? Seguro que si: Isto é imparable.
Moitas grazas
Viva María Casares!
Viva o teatro!
FOTO: La Diapo Fotografía