Volver

Discurso do presidente da AAAG nos Premios María Casares 2017

Boas, noites a todos e todas:

Benvidos a esta gala dos María Casares na súa edición número 21. Quero agradecerlles a súa presenza ás autoridades políticas, ás autoridades teatrais, a todos e todas as sociais da nosa Asociación, tamén a todos os actores e actrices que aínda non son socios, pero contamos con eles a curto prazo, ao público xeral e, como non, aos patrocinadores da gala, sen cuxa colaboración e achegas a realización da mesma sería practicamente imposible. Moitas grazas.

Suponse que as palabras dun presidente nun evento deste tipo deben ser de agradecemento, felicitación, de crítica e tamén, por que non, de reividicación.

As grazas xas a din, polo tanto paso directamente ás felicitacións. Noraboa de verdade, de verdade de boa, a todos os profesionais nominados. Tiven serias dúbidas á hora de emitir o meu voto coma un asociado máis. Tiven dúbidas porque, dentro das trece montaxes que optan a algún premio, temos nominados aos máximos galardóns seis excelentes espectáculos, tres na categoría de mellor espectáculo infantil e tres na categoría de mellor espectáculo. Realmente non sei cal delas me gustou máis. E a miña dúbida vese reforzada pola miña alegría ao constatar que podería haber outros tantos merecedores destes honra, aínda que os que están, non se entenda mal, están con todos os honores e mértitos propios. O 2016 deunos unha excelente colleita teatral. E, polo que puiden ver neste primeiro trimestre deste ano que estamos a andar, seguimos a recoller excelentes froitos. E dígoo eu, que son un deses actores que acostumo a ver todo o que se fai en Galicia: o que nos gusta máis e o que nos gusta un pouco menos. Porque, para ter unha opinión, hai que ter coñecemento. E o que queira entender, que entenda...

E agora tócalle a quenda ás críticas. Pero a crítica, ben entendida, comeza por un mesmo. E cando digo un mesmo, estoume a referirme a nós: á profesión. En Galicia temos a sorte de contar con dous convenios colectivos que nos afectan: o convenio de teatro e o convenio do audiovisual, recentemente renovados, en plena vixencia, saídos do forno. O deber dun actor é respectarse, valorarse a si mesmo. Se ti non o fas, non agardes que o fagan os demais. Cada vez que un actor rompe estes convenios, estase a infravalorar e estase a traizoar a si mesmos. E o que é peor: está a traizoar a todos os compañeiros que dedicaron esforzo e traballo altruísta para conseguir unhas condicións de traballo dignas, que a fin e ao cabo, son para todos. Tárdase moito en alcanzar un soño. En destruílo? Nada. E o máis fácil é que ese soño non se volva recuperar.

E xa por fin a reivindicación. En contra do que moitos agardades, desta vez non vou esixir nin reclamar nada aos organismos oficial. Nin á Consellería de Cultura nin ao Goberno, nin sequera vou falar do IVE cultura... É que non me chegarían estes folios!

Nesta ocasión, quero falar da igualdade. Sei que nestes momentos non hai foro que se prece no que non se fale dela. Dáme igual, coido que é un tema o suficientemente importante como para repetilo, repetilo e repetilo até que se logre.

Cando recibín o Estudo Sociolaboral do Colectivo de Actores e Bailaríns de España, publicado por AISGE e relativo ao ano 2016, e despois de levar o primeiro susto ao ver que só o 8% do colectivo actoral pode vivir do seu traballo cun mínimo dignidade, despois dese susto, puiden ler as seguintes cousas:

As mulleres sofren unha taxa de desocupación por riba da dos homes, cobran menos e traballan sen contrato en máis ocasións. Aí, púxenme un pouco rufo e dixen: “Iso aquí non pasa!. En Galicia, dende sempre, as tarifas e as condicións de traballo son iguais para homes e para mulleres. E tiña razón, até que fun arrefriando. Decatei entón de que as diferenzas non eran cuantitativas, senón cualitativas. Primeiro, calcúlase que no reparto dunha obra, os papeis femininos oscilan entre un 25 e un 35%. Ou sexa, o 70% son masculinos. Segundo, na maioría dos casos, xiran ao redor dun ou varios homes. En consecuencias, os papeis relevantes son case sempre protagonizados por homes.

Segundo os datos que puiden tirar en Internet, a esperanza de vida en España está en 86 anos para as mulleres e en 80 anos para os homes. En todos os ámbitos, menos nas artes escénicas. No teatro, na tele e no cine, cando unha actriz chega aos 50, matámola directamente. Ou o que é peor, roubámoslle a súa identidade. Pasa de ter nome e apelido, a ser a irmán de, a nai de, a secretaria ou a amante de.

Aquí fago un inciso para facer a seguinte reflexión. Segundo os datos, o 70% do público que vai ao teatro son mulleres. E na mesma proporción, os consumidores de literatura ou calquera outra actividade cultural. Entón, hai algo que non me cadra. Se ese é o noso público pontencial, por que non escribimos e facemos historias para elas e sobre elas que tamén son importantes para gran parte dos homes? Por que consideramos que calquera rol masculino é máis interesante e máis digno de atención que un rol feminino? Como podemos estar tan cegos?

Cando unha actriz, quere facer un gran papel, ten que recorrer aos clásicos. Onde están as nosas Medeas? Onde están as nosas Antígonas? As nosas Fedras? As Electras? E tantas outras! E que hoxe non temos heroínas? Eu creo que si. Por que as desprazamos?

Señores dramaturgos, señoras dramaturgas, señores e señoras guionistas, señores produtores e produtoras: pensen nas mulleres á hora de facer o seu traballo. Hai unha persoa chamada Pedro Almodóvar que o fai dende o comezo da súa carreira. E non lle foi nada mal. Copien, ás veces é mellor unha boa copia que unha mala imitación.

Moitas grazas pola vosa paciencia.

Podes escoitar o discurso nesta ligazón