O método dos tres planos. Curso sobre a interpretación do verso con Karmele Aranburu. Do 29 de setembro ao 2 de outubro / Santiago de Compostela

Co patrocinio da Fundación AISGE presentamos este taller dirixido a intérpretes profesionais ou estudantes de artes escénicas, que queiran profundar na interpretación do verso coa actriz, especialista en verso e docente Karmele Aranburu

Presentación

A diferenza entre un texto dramático en prosa e un texto en verso é que este último está suxeito a unha estrutura. Esta estrutura o que pretende é crear un suporte, unha partitura para que ese texto adquira un ritmo.

A esencia do verso é o ritmo e o poeta coa súa mestría, escribe ese texto utilizando a métrica para crear esa estrutura rítmica.

A partir de aí a acción dramática ten o mesmo valor que nunha obra en prosa.

Os intérpretes debemos abordar os textos desde unha interpretación sincera e comprometida coa palabra, enchéndoa de emoción e intención, potenciando á súa vez as pautas métricas e dotando así á obra dunha harmonía entre texto e estrutura.

Neste curso veremos que para que un texto dramático en verso estea ben dito o que temos que facer é equilibra tres planos, o plano métrico, o prosódico e o dramático, é dicir, o verso, a frase e a palabra para conseguir o ritmo, o significado e a acción.

Programa:

As oito primeiras horas dedicaranse ao coñecemento e estudo dos conceptos necesarios para abordar un texto dramático en verso.

Tamén afondaremos na concienciación da prosodia e da intención dramática de todo texto teatral e da importancia de poñer en equilibrio o ritmo, o significado e a acción.

A partir de aquí cada intérprete irá poñendo en práctica todo o aprendido nas primeiras oito horas, a través do traballo en acción con textos dramáticos do Século de Oro español.

A docente

Actriz de sólida formación nos campos do verso, a interpretación, o teatro clásico, o canto e o movemento.

Como actriz dramática traballou, entre outros, xunto a Nuria Espert, José Luis Gómez, Irene Papas, John Strasberg, Natalia Menéndez, Miguel Narros, José Luis Alonso de Santos… en máis de cincuenta espectáculos teatrais e tamén participou en máis dunha trintena de series de televisión e películas.

Compaxina o seu labor actoral coa docencia e a dirección de verso en espectáculos teatrais.

No período 2011- 2013 dirixe La Academia del Verso de Alcalá, centro especializado no ensino do Teatro do Século de Oro. Ao longo destes tres anos asina a dirección de verso nas montaxes Los Empeños de una Casa de Sor Juan Inés de la Cruz, La discreta Enamorada y Los Locos de Valencia de Lope de Vega dirixidos por Juan Polanco.

Desde o 2016 dirixe en Madrid Aula de Verso K, espazo de formación, investigación e creación para actores, dramaturgos e directores de escena onde forma sobre a interpretación do teatro en verso e imparte talleres ao redor de todo o relacionado con verso e Século de Oro.

Traballou para a Compañía Nacional de Teatro Clásico de España, como directora de verso no montaxe Arte Nuevo de hacer teatro para los jóvenes de nuestro tiempo con dirección de Mariano Estudillo e formou parte do tribunal das probas de admisión para conformar a VI Joven CNTC.

Foi invitada polo Teatro Nacional de Ecuador para impartir un curso sobre o verso en Fuenteovejuna de Lope de Vega e pola Université de Neuchâtel, Suíza, para falar sobre a métrica na oralidade.

Tamén a nivel internacional, desde o 2020, colabora con Teatro Círculo de Nova York impartindo talleres en liña e sendo a directora de verso dos espectáculos La vida es sueño de Calderón e Fuenteovejuna de Lope de Vega dirixidos por Mariano de Paco, La Monja Alférez de Ruiz de Alarcón e El alcalde de Zalamea de Calderón dirixido por Daniel Alonso de Santos para a mesma compañía.

Tamén impartiu cursos sobre a interpretación e expresividade do verso e a palabra en Casa Museo Zorrilla de Valladolid, Teatro Rojas de Toledo, AISGE, Dantzerti, Escola Superior de Arte Dramática e Danza de Euskadi, Pavillón nº6, Creadores de Artes Escénicas de Bilbao, Casa-Museo Cervantes de Alcalá de Henares, Arte4 Estudo de Actores en Madrid, Grumelot-Nave 73, escola de teatro, EAB Sindicato de Actores Vascos en Donostia, Unión de Actores e Actrices de Madrid, Festival de Teatro Clásico de Olite, ESAEM de Málaga, Estudo de Juan Codina de Madrid, Bululú 2120, Estudo de Actores de Madrid …

É académica da Academia das Artes Escénicas de España

Datas e duración:

Do 29 de setembro ao 2 de outubro en horario de 10h a 15h. 20 horas

Lugar:

Sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela. Rúa das Salvadas 2A. MAPA

Prazas e selección do alumnado:

Este obradoiro ten 8 prazas activas e un número ilimitado de oíntes. A admisión realizarase por sorteo entre as persoas rexistradas en caso de haber máis solicitudes que prazas, constituíndo unha lista de espera de ser o caso.

É posible asistir como oínte ao curso completo ou a sesións individuais. Este formato permíteche asistir ás clases en directo, interactuar coa docente, realizar preguntas, etc. A diferenza é que non poderás participar de xeito activo nos monólogos.

Prezo:

Socixs AAAG e/ou AISGE: 120 euros

Socixs AAAG en paro: 75 euros (Prezo exclusivo para membros da AAAG)

Non socixs: 160 euros

Oíntes: 25 euros/xornada Se tes interese en asistir ao taller como oínte, completa este formulario indicando os días que quererías asistir

Inscrición:

Dende o 1 de setembro, martes, ata o el 18 de setembro, xoves, ás 12h. a través do formulario que figura na parte superior desta páxina.

Se es membro da AAAG, só tes que iniciar a túa sesión na páxina e premer “inscribirme” no formulario. O taller aparecerá no apartado “inscricións” do teu espazo privado.

Reserva de praza e forma de pago

Comunicarase a lista de admisión a tarde do xoves 18 de setembro. Xunto á comunicación de admisión, enviarase a cada alumno/a un monólogo que deberá traer memorizado para o primeiro día de clase.

De rexistrarse máis solicitudes que prazas, constituirase unha lista de espera.

De non acadar solicitudes suficientes, a organización poderá suspender a realización do taller.