Actuar, con Fernanda Orazi. Obradoiro de interpretación teatral

Co patrocinio da Fundación AISGE e a colaboración da Fundación SGAE presentamos este obradoiro dirixido a intérpretes profesionais coa actriz, directora e docente Fernanda Orazi

Concepto e obxectivos (por Fernanda Orazi)

Actuar. Poñer entre nós uns actos, unhas imaxes, unhas palabras, unhas ideas. Recoller o que iso trae. Acoller as consecuencias do acto. Do acto de actuar. O que o acto, a imaxe, a palabra, a idea, chama. Actuar e transformar o estado das cousas, esvaecer as liñas, des-debuxar fronteiras. Aumentar, ocultar, tensar, suspender, estalar, reter, despregar, interromper, repregar... O que a actuación fai, o seu modo de escribir a escena, de tramar o expresivo, de entretecer. Porque a actuación non é algo antes de darse, antes de acontecer, propoño unha serie de prácticas para abordar mentres se actúa. Uns modos posibles de relación co feito de "estar a actuar". Non hai antes nin despois, hai "durante". Será aí onde se xogue este adestramento, na duración do acontecemento da actuación..

No taller traballaremos nunha serie de prácticas, accións e procedementos da actuación que levaremos a cabo a través de escenas de texto que lles propoñerei. O traballo está exclusivamente orientado á actuación como creadora de escena: do texto ao corpo, ao espazo e ao tempo. Do texto ao teatro

A docente

Fernanda Orazi é actriz, directora e docente. Actualmente reside en Madrid. Traballou con Pablo Messiez en nove obras nos últimos 11 anos, a última "Los Días Felices" (Beckett), estreada no Centro Dramático Nacional en marzo de 2020. Tamén colabora en varias obras con Pablo Remón, a próxima estrea con este autor director é "Barbados, etcétera" nova versión, que se estreará no Festival de Outono de Madrid en novembro 2022. Tamén traballou en pezas de Denise Despeyroux, Ernesto Caballero, Pascal Rambert, Carlos Marquerie, Claudia Faci, entre outros. Como directora estreou a súa primeira peza en 2003 en Buenos Aires “Teo con Julia”.

En 2010 en Madrid estrea para o Festival de Outono de Madrid “Susana na auga e coa boca aberta”, en 2012 estrea “El Rumor Analógico de las Cosas” en Cuarta Parede e en decembro de 2013 estrea “El Futuro” (Teatro do Barrio, Madrid). E en 2017 estreou “Encarnación" (El umbral de Primavera, Madrid). En xaneiro de 2023 estreou a súa versión escénica de Electra de Sófocles no Teatro da Abadía de Madrid polo cal recibiu o Premio a Mellor Dirección Escénica nos Premios Godot 2023..

Datas e duración:

26, 27 e 28 de maio en horario de 10h a 15h. 15 horas

Lugar:

Sede de la Fundación SGAE en Santiago de Compostela. Rúa das Salvadas 2A. MAPA

Prazas e selección do alumnado:

Este taller ten 14 prazas activas. A admisión realizarase por sorteo entre as persoas inscritas no caso de haber máis solicitudes que prazas, constituíndo unha lista de agarda de ser o caso.

Prezo:

Socixs AAAG e/ou AISGE: 80 euros

Socixs AAAG no paro: 50 euros

Non socixs: 120 euros

Inscrición:

Dende o 25 de abril, venres, ata o 14 de maio, mércores, ás 15h. a través do formulario que figura na parte superior desta páxina.

Se es membro da AAAG, só tes que iniciar a túa sesión na páxina e premer “inscribirme” no formulario. O taller aparecerá no apartado “inscricións” do teu espazo privado.

Reserva de praza e forma de pago

Comunicarase a lista de admisión a tarde do mércores 14 de maio. De rexistrarse máis solicitudes que prazas, constituirase unha lista de espera. Para reservar a súa praza as persoas admitidas deberán facer o ingreso do 50% do custo do curso ata o luns 19 de maio. Este depósito non será reembolsable no caso de que a persoa admitida finalmente non faga o curso excepto por causa xustificada. No caso de non facelo a praza pasará a seguinte persoa na lista.

De non acadar solicitudes suficientes, a organización poderá suspender a realización do taller.